Novidades

A directora e técnicos do Instituto Nacional de Desenvolvimento de Aquacultura de Mozambique visitan Galicia para fortalecer as súas capacidades técnicas nun programa organizado polo Centro Tecnolóxico do Mar

By 28 Novembro, 2013 No Comments

A directora e persoal do Instituto Nacional de Desenvolvimento de Aquacultura de Mozambique (INAQUA) están estes días percorrendo Galicia nunha visita programada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR que ten como obxectivo o fortalecemento das capacidades técnicas do INAQUA no que se refire ao cultivo de moluscos bivalvos.

Tanto a máxima responsable desta institución mozambiqueña, Isabel Omar, como os técnicos que a acompañan están a recibir así formación teórica por parte de expertos  da Fundación CETMAR, ao tempo que realizarán pasantías en institucións de relevancia e farán visitas a empresas públicas y privadas, institutos de investigación e organizacións sectoriais mediante as que visualizarán a aplicación práctica do programa formativo.

Os técnicos do INAQUA, que foron recibidos no CETMAR pola súa directora-xerente, Paloma Rueda Crespo, e polo secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, permanecerán en Galicia ata o 14 de decembro.

Durante todo este tempo visitarán, entre outros, o Porto de Vigo, o Instituto Galego de Formación en Acuitultura (IGAFA), o Instituto Español de Oceanografía, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR), así como diversas Confrarías dedicadas á explotación marisqueira da nosa comunidade

A súa estancia finalizará cunha pasantía na planta de cultivos mariños de Ribadeo do Centro de Investigacións Mariñas.