Novidades

O Centro Tecnolóxico do Mar organiza unha xornada sobre a formación en carpintería de ribeira en Europa

By 8 Xullo, 2012 No Comments

O Centro Tecnolóxico do Mar organiza unha xornada sobre a formación en carpintería de ribeira en Europa que terá lugar o vindeiro martes 10 de xullo no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela. Trátase do punto e final as actividades do proxecto europeo WOOBTA que, coordinado pola FundaciónCETMARe coa colaboración de socios de Francia, Reino Unido e Suecia, contribuíu á creación dunha rede de organizacións implicadas na formación en carpintería naval, así como a posta en valor dese oficio.

A xornada desenvolverase de 10.00 a 13.00 horas e comezará cunha visita á sala do Mar do Museo santiagués, onde estarán expostas as maquetas de embarcacións tradicionais de Bretaña, Cornualles, Suecia e Galicia construídas polo alumnado do centro de formación A Aixola de Marín dentro do devandito proxecto. Posteriormente presentaranse os resultados do estudo “A formación en carpintería de ribeira en España, Francia, Suecia e Reino Unido”.

Tanto os socios de WOOBTA –Centro de Formación A Aixola (Marín), xestionado poloCETMAR; Ateliers de l’Énfer (Francia); Falmouth Marine School (Reino Unido) e Skeppholmens Kolkhögscola (Suecia)- como representantes das entidades que colaboraron co proxecto, como é o caso da Consellería do Medio Rural e do Mar, da Asociación Galega de Carpinterías de Ribeira e da Mutua dos Pescadores de Lisboa, participarán ademais dun encontro que se prolongará dende o luns 9 de xullo ata o mércores día 11 e que inclúe visitas a carpinterías e estaleiros en Outes, Aguiño e Boiro e viaxes en embarcacións tradicionais pola Ría de Arousa.

Estas visitas técnicas realízanse coa implicación tanto do proxecto WOOBTA – Programa de Formación ao Longo da Vida da Unión Europea – así coma do proxecto MARLEANET, cofinanciado mediante fondos FEDER do programa espacio Atlántico, unha iniciativa que persegue a creación dunha rede europea de formación marítima na que tamén está a participar a Fundación CETMAR.

Leave a Reply