Novedades

Aquaculture Europe

Por 25 septiembre, 2025 Ningún comentario

A directora de Cetmar participa en Aquaculture Europe 2025, o maior congreso europeo de acuicultura

  • A directora de CETMAR, Rosa Chapela, participa esta semana en Aquaculture Europe 2025, en Valencia. Intervirá na mesa redonda “Attracting new talents in aquaculture” e modera unha sesión sobre economía.
Rosa Chapela na intervención do mércores 24

A directora do Centro Tecnolóxico do Mar CETMAR, Rosa Chapela, participa esta semana en Aquaculture Europe 2025, un evento que se celebra no Palacio de Congresos de Valencia ata o xoves 25 de setembro e que reúne a profesionais da acuicultura de máis de 70 países.

Baixo o lema “Aquaculture for Everyone”, o congreso aborda cuestións clave como a sustentabilidade ambiental, a rexeneración dos sectores primarios e o desenvolvemento do capital humano. Un dos seus obxectivos é reforzar o papel da acuicultura como elemento estratéxico na seguridade alimentaria global.  Trátase do maior evento celebrado nunca no Palacio de Congresos de Valencia e combina sesións científicas, foros sectoriais, obradoiros de innovación e actividades específicas para estudantes,

Rosa Chapela intervirá o mércores 24 de setembro na mesa redonda “Attracting new talents in aquaculture”, xunto a representantes de centros de investigación, asociacións e empresas líderes do sector. O debate centrarase nos desafíos da industria relacionados coa atracción e retención de talento, a remuda xeracional e o avance en materia de igualdade de xénero, analizando como a diversidade e a inclusión poden impulsar a innovación e a resiliencia do sector.

O xoves 25, Chapela actuará como moderadora na sesión Market & Value Chain Economics, xunto ao profesor noruegués Ragnar Tveterås. Trátase dunha das poucas sesións do congreso que aborda especificamente a dimensión económica e de mercados dos produtos da acuicultura, un ámbito clave para garantir a viabilidade do sector.

A organización convidou á directora do CETMAR a coordinar esta sesión con antelación, apoiando na procura de contribucións e presentacións orais que permitisen dar forma a este espazo de debate. O programa inclúe intervencións sobre temas tan relevantes como o marco regulador da acuicultura na UE, as tendencias na cadea de valor da acuicultura e a súa competitividade e o papel da economía azul como motor de novas oportunidades de negocio en acuicultura.

Con esta dobre participación no congreso Rosa Chapela reforza a visibilidade da acuicultura galega nun dos foros internacionais máis relevantes para o futuro da acuicultura.

Dejar un comentario