What's new

Nova boia oceanográfica

By 28 May, 2026 No Comments

O Observatorio Costeiro de Galicia substitúe a boia de Muros por unha máis avanzada para reforzar a observación mariña en tempo real nas rías galegas

  • A nova boia facilitará as tarefas de mantemento e permitirá incorporar nova sensórica para ampliar as capacidades de monitorización ambiental
  • A estación forma parte da rede automática do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, que fornece datos oceanográficos e meteorolóxicos en tempo real

O Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia procedeu á substitución da boia oceanográfica de Muros por unha nova de maior tamaño e mellores prestacións técnicas, co obxectivo de reforzar a capacidade de observación mariña en tempo real das rías galegas.

A nova plataforma permitirá mellorar as condicións de operación e mantemento da estación, así como facilitar a instalación de nova sensórica, ampliando as capacidades de seguimento ambiental nunha zona de elevado interese para o sector marítimo-pesqueiro e para o estudo dos efectos do cambio climático sobre os ecosistemas costeiros.

Esta estación forma parte da rede de plataformas automáticas mantida polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR no marco do Observatorio Costeiro de Galicia (OCXG), unha infraestrutura pública de observación e predición mariña que integra capacidades de monitorización en tempo real, modelización numérica e servizos operativos orientados á xestión costeira e aos sectores marítimos. A boia transmite datos cada dez minutos, incluíndo variables como temperatura da auga, salinidade, correntes ou condicións meteorolóxicas, información que pode consultarse en aberto a través da web de plataformas do Observatorio.

O Observatorio susténtase na colaboración entre tres organismos da administración autonómica: por parte da Consellería do Mar, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, e por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de MeteoGalicia. Esta cooperación permite integrar observación, predición e servizos operativos nun único sistema coordinado ao servizo da sociedade e da economía azul galega.

O Sistema de Observación do OCXG está formada por distintas infraestruturas e sistemas de medida distribuídos ao longo da costa galega, entre os que destacan as boias oceanográficas, plataformas fixas, estacións meteorolóxicas costeiras, radares de alta frecuencia (HF Radar) ou sistemas de monitorización ambiental en bancos marisqueiros e bateas de mexillón. Todos estes sistemas proporcionan información fundamental para o seguimento do seu estado.

Ademais do sistema de observación, o Observatorio conta con ferramentas avanzadas de predición baseadas nos modelos numéricos desenvolvidos e executados diariamente por MeteoGalicia, así como co soporte operativo que Intecmar presta ao Plan CAMGAL de loita contra a contaminación mariña accidental. Estes sistemas permiten xerar predicións oceanográficas e meteorolóxicas que son empregadas tanto polas administracións como polos sectores produtivos e organismos de emerxencia.

Idisom

O Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, cofinanciado pola Xunta e a Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), traballa ademais para integrarse en IDISOM, a Infraestrutura Distribuída de Observación Mariña de carácter nacional, co obxectivo de reforzar a coordinación científica e técnica entre as principais infraestruturas de observación oceánica do Estado.

A incorporación do OCXG permitiría achegar a experiencia galega en oceanografía operacional costeira, así como as súas capacidades de observación en tempo real, modelización e servizos orientados aos usuarios finais. Do mesmo xeito, facilitaría a interoperabilidade de datos e servizos a escala estatal, reforzando a posición de Galicia como referencia no ámbito da observación mariña e contribuíndo ao desenvolvemento dunha rede integrada de seguimento do medio mariño ao servizo da investigación, da xestión pública e dos sectores produtivos.

A substitución da boia de Muros enmárcase na aposta da Xunta por consolidar e modernizar as infraestruturas de observación mariña de Galicia, reforzando a capacidade de resposta fronte aos retos asociados ao cambio climático e contribuíndo á protección e xestión sostible do medio mariño.

Leave a Reply