Daily Archives

12 Novembro, 2026

Sesión plenaria da REECEA

By | Novidades | No Comments

CETMAR incorpórase a Rede Española de Espazos de Coñecemento para a Economía Azul e participa hoxe na súa sesión plenaria en Madrid

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR participa hoxe en Madrid na sesión plenaria da Rede Española de Espazos de Coñecemento para a Economía Azul (REECEA), da que a institución galega forma parte desde xullo, e na que estará representada a través da súa directora-xerente, Rosa Chapela Pérez.

Esta rede é unha iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Pesca co obxectivo de fortalecer a colaboración entre a ciencia, a innovación, as administracións públicas e o sector pesqueiro e da acuicultura. A súa finalidade é avanzar cara a un modelo de economía azul máis sostible, competitivo e equitativo, capaz de transformar os desafíos do sector mariño en oportunidades de crecemento e desenvolvemento sostible.

No encontro celebrado hoxe, e ademais de informar sobre as incorporacións das novas entidades e da presentación das liñas de traballo dos Espazos de Coñecemento para a Economía Azul, os membros de REECEA exploraron novas vías de cooperación e xeración de sinerxías e propuxeron novas actuacións, proxectos e liñas de traballo conxuntas.

Constituída en agosto de 2025, a REECEA integra os Espazos de Coñecemento para a Economía Azul (ECEA), entidades públicas ou privadas recoñecidas pola Secretaría Xeral de Pesca pola súa especialización e capacidade de innovación. As ECEA actúan como centros de coñecemento nos seus respectivos ámbitos territoriais ou sectoriais e contribúen ao fortalecemento da rede a través da colaboración, a transferencia de coñecemento e o desenvolvemento de proxectos conxuntos.

A rede, que traballa agora pola súa consolidación, encárgase así de identificar actores clave, integrar coñecemento científico e sectorial, organizar actividades de divulgación e capacitación, asesorar en temas de pesca y acuicultura e  avaliar periodicamente o seu propio impacto.

Coa participación hoxe na sesión plenaria da rede, CETMAR ratifica a súa adhesión a unha entidade coa que comparte obxectivos: Promover a cooperación entre actores da economía azul; fomentar o intercambio e a transferencia de coñecemento ciencia, sector e sociedade; impulsar a sostibilidade económica, ambiental e social en pesca e acuicultura; identificar áreas de investigación relevantes, e desenvolver proxectos innovadores e colaborativos.

Xornada anual do proxecto Apromex

By | Eventos | No Comments

A xornada anual do proxecto Apromex, que desenvolve a nosa Unidade de Tecnoloxías Mariñas, celebrarase o vindeiro 19 de novembro en Vilanova de Arousa, co obxectivo de compartir os últimos avances e ferramentas prácticas desenvolvidas para dar resposta aos retos do sector do mexillón.

Durante o evento, que organiza a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, abordaremos o estado e a análise da poboación actual de semente de mexillón, e daremos conta dos novos sistemas de captación no medio natural, así como das ferramentas dixitais para a visualización e análise de datos útiles para o sector bateeiro.

O obxectivo é crear un espazo de encontro práctico para celebrar o traballo feito, compartir resultados e intercambiar experiencias directas cos profesionais do sector.

Data: Xoves, 19 de novembro

Hora: 16:00 h

Lugar: Auditorio Valle-Inclán (Casa da Cultura de Vilanova de Arousa)

Programa

Inscrición

Mais información: apromex.gal e cetmar.org