Daily Archives

14 Setembro, 2026

Cooperación e transferencia de coñecemento

By | Novidades | No Comments

CETMAR e FAO unen forzas para mellorar a seguranza das embarcacións de pesca artesanal en São Tomé e Príncipe

  • O Centro Tecnolóxico do Mar lidera unhas xornadas técnicas para avaliar a estabilidade e seguridade na navegación de dous prototipos de embarcacións construídos en estaleiros locais
  • A acción enmárcase no programa FISH4ACP, que promove o desenvolvemento sostible das cadeas de valor da pesca e da acuicultura en África, Caribe e Pacífico

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR pon en marcha esta semana as últimas probas dun proxecto moi especial: renovar e facer moito máis segura a navegación dos pequenos barcos da pesca artesanal  en São Tomé e Príncipe. Con este paso, CETMAR contribúe a protexer a vida dos mariñeiros locais no seu día a día no mar.

A actividade céntrase na avaliación da estabilidade e seguridade na navegación dos dous prototipos de embarcacións de pesca artesanal de arredor de 6 metros que foron construídas en materiais diferenciados: un en contrachapado mariño e outro en fibra de vidro.

Construídas nos estaleiros locais con apoio formativo de dous expertos en carpintería naval e composites  de CETMAR, estas embarcacións serán sometidas a unha axenda de tres días de ensaios rigorosos no mar para comparar a súa estabilidade e o seu rendemento técnico e operativo.

Durante estas xornadas, o equipo técnico de Cetmar, conformado por un técnico e un enxeñeiro naval e oceánico, xunto con pescadores e representantes do socio local, a ONG MARAPA, realizarán as probas regulamentarias de acordo á lexislación internacional de estabilidade e navegabilidade. O obxectivo é garantir a máxima seguridade dos pescadores artesanais ante condicións de carga extrema ou manobras críticas coas artes de pesca.

O procedemento técnico supervisado polo enxeñeiro naval e oceánico desprazado a terreo polo CETMAR,  divídese en dúas etapas fundamentais. Por unha banda, a proba de estabilidade e inclinación en seco, mediante a que se pretende determinar con exactitude o centro de gravidade da embarcación. Para iso, realizarase a simulación da embarcación totalmente cargada, distribuíndo pesos calibrados sobre a cuberta.

A segunda das probas é a mar ou navegación activa, cando a embarcación sae a navegar en mar aberto executando distintas manobras para avaliar a súa estabilidade dinámica e o comportamento do casco cargado.

Os resultados destas avaliacións servirán para validar os prototipos e introducir, se fose necesario, melloras no seu deseño, contribuíndo así á modernización progresiva da frota artesanal do país e ao reforzo da seguridade das persoas que desenvolven a súa actividade no mar.

Ademais da mellora das embarcacións, esta iniciativa contribúe á transferencia de coñecemento técnico aos estaleiros locais e ao fortalecemento das capacidades nacionais para a construción e mantemento de embarcacións máis seguras, eficientes e adaptadas ás necesidades do sector.

O programa FISH4ACP, no que se enmarca esta actuación, está financiado pola Unión Europea e polo Ministerio Federal de Cooperación Económica e Desenvolvemento de Alemaña (BMZ) e é executado pola FAO en colaboración con socios nacionais e internacionais.

Aprender facendo

By | Novidades | No Comments

A Aixola inicia un novo ciclo de cursos con seis formacións vinculadas ao ámbito marítimo-pesqueiro

  • O centro de formación impartirá nos vindeiros meses e de forma gratuíta máis de 1.300 horas lectivas e ofertará 72 prazas en diferentes modalidades formativas

O Centro de Formación A Aixola, dependente da Consellería do Mar e xestionado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, pon en marcha un novo ciclo de cursos que se desenvolverán ata o vindeiro mes de decembro.

Trátase de seis actividades formativas cun eminente carácter práctico, seguindo o principio de «aprender facendo», e para as que non se requiren cualificacións mínimas. A formación, financiada pola Consellería do Mar e polos fondos FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura), é totalmente gratuíta.

Os cursos están dirixidos a persoas desempregadas ou vinculadas ao sector pesqueiro que desexen reorientar o seu perfil profesional ou garantir o relevo xeracional nun oficio altamente especializado e en risco de desaparición, pero con demanda nas confrarías e nas empresas do sector marítimo-pesqueiro.

A oferta para este trimestre inclúe un curso de operacións auxiliares de acondicionamento interior de embarcacións (tapicería e madeira) de 350 horas, no que se empregarán técnicas tradicionais e innovadoras, e outro de operacións auxiliares de arboradura (mastros e velas) de 200 horas, destinado ao coñecemento e a práctica en montar e desmontar diversos compoñentes da arboradura náutica, o seu mantemento así como operacións básicas de reparación de velas.

A nova programación de A Aixola contempla ademais a introdución a unha das técnicas máis novidosas para a creación de pezas en poliéster no curso de operacións básicas de infusión e baleiro en composites, de 300 horas, orientado ao sector náutico e á acuicultura, e outro sobre procesos básicos de plásticos técnicos aplicados ao sector mariño (200 horas).

As formacións sobre actividades auxiliares en diagnose e posta a punto de fora borda menores de 30 CV (220 horas) e a introdución á carpintería náutica con control numérico (CNC) (70 horas) completan a oferta para os próximos tres meses.

As prazas son limitadas e a inscrición xa é posible a través da páxina web do centro  (aixola.cetmar.org) ou contactando vía correo electrónico (aixola@cetmar.org) ou telefónica (886 206915).

Na actualidade,  A Aixola é o único centro acreditado que imparte esta formación.