Daily Archives

14 Outubro, 2025

Chile

By | Novidades | No Comments

CETMAR COLABORA EN CHILE NA DEFINICIÓN DA METODOLOXÍA PARA MEDIR O CONSUMO DE PRODUTOS DO MAR

  • O coordinador da área de Socioeconomía do Cetmar, Jose Luis Santiago, leva a súa experiencia a Chile para coñecer e mellorar o consumo de peixe por habitante.
  • O Goberno chileno busca aumentar o consumo de peixe a 20kg por habitante e ano en 2027

Jose Luis Santiago, coordinador da área de Socioeconomía do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), participou no taller de revisión e validación metodolóxica do consumo per cápita de produtos do mar en Chile, que busca establecer unha metodoloxía para coñecer o cosumo per cápita e ano de productos do mar en Chile. O encontró celebrouse en Viña del Mar os días 1 e 2 de outubro.

A iniciativa, organizada polo Instituto de Fomento Pesquero (IFOP) a petición da Subsecretaría de Pesca e Acuicultura de Chile (SSPA), buscou reforzar os procedementos estatísticos que permiten calcular canto peixe e marisco come a poboación chilena. Este indicador, de carácter estratéxico para as políticas públicas, forma parte dos compromisos do Goberno de Chile para incrementar o consumo nacional de produtos do mar ata os 20 kg por habitante e ano en 2027.

No encontro participaron organismos de prestixio internacional como a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), referente mundial en seguridade alimentaria, o Observatorio Europeo do Mercado dos Produtos da Pesca e da Acuicultura (Eumofa), especializado na análise de mercados, e o propio Cetmar, fundación galega recoñecida pola súa experiencia en investigación aplicada e cooperación internacional no ámbito mariño.

Durante dúas xornadas analizáronse diferentes enfoques metodolóxicos, desde o modelo “agregado” ata un enfoque “mixto” que permite desagregar o consumo por especies clave como salmón, xurelo, mexillón ou pescada. A revisión tamén abordou aspectos como a actualización dos factores de conversión, o tratamento de datos incompletos ou a pertinencia de incorporar existencias dun ano a outro.

No marco destas sesións, Jose Luis Santiago achegou a experiencia de Cetmar na construción de indicadores socioeconómicos e na comparación internacional de datos, contribuíndo a un debate que permitirá a Chile dispoñer de cifras máis sólidas e un modelo de cálculo replicable en outros países.

Rede Española de Grupos de Pesca

By | Novidades | No Comments

GALICIA COMPARTE EN MADRID OS SEUS AVANCES NO DESENVOLVEMENTO LOCAL PARTICIPATIVO DAS COMUNIDADES COSTEIRAS

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, e a directora xerente do Cetmar, Rosa Chapela, participaron este martes na sesión técnica da Rede Española de Grupos de Pesca (Regp), onde todas as comunidades autónomas deron conta da evolución e desenvolvemento dos proxectos impulsados polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (Galp) como axentes dinamizadores da economía litoral en Galicia.

No transcurso da xuntanza, as representantes da Consellería do Mar, detallaron que este entes, creados polo departamento que dirixe Marta Villaverde, impulsan 160 proxectos no litoral galego por valor de 9,7 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (Fempa) 2021-2027. A este respecto, destallaron que o 60% destas iniciativas son destinados a actividades sen fins de lucro e o 40% restante a actividade económica, que mobilizan en conxunto un investimento privado de 6,1 millóns de euros.

Trátase de accións que permiten afondar na colaboración público-privada impulsando o desenvolvemento económico e competitividade de Galicia, cun impacto singular nas comunidades costeiras. Supoñen a creación de 70 empregos a tempo completo e abordan ámbitos como o aproveitamento do patrimonio cultural e medioambiental das zonas pesqueiras, a innovación e promoción da produción e subministro de produtos da pesca e da acuicultura ou o fomento da economía azul, entre outros. En Galicia existen 8 Galp que aglutinan a máis de 400 organizacións locais, que representan a máis de 13.000 profesionais do mar.