Monthly Archives

Maio 2025

No marco de APROMEX

By | Novidades | No Comments

A Xunta mellora a xestión do mexillón dende a análise en rocha á produción en criadeiros

  • CETMAR pon a disposición do sector unha plataforma web que ofrece información do ciclo larvario deste molusco bivalvo
  • O conselleiro do Mar participa na presentación desta iniciativa, incluída na estratexia da Consellería de garantir a sustentabilidade e o desenvolvemento do recurso
  • A miticultura é unha das principais actividades acuícolas galegas, que vai máis aló da propia actividade de cultivo en bateas, sendo determinante no desenvolvemento socioeconómico de Galicia

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou este mércores na presentación do visor web da densidade larvaria do mexillón, que desenvolveu o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR no marco do proxecto APROMEX. Trátase dunha plataforma web, co-financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e da Acuicultura (FEMPA), que permite a visualización de datos de análises larvarios de moluscos, destacando as larvas de mexillón, que se actualizan semanalmente, a través de paneis interactivos.

Deste xeito, a través desta iniciativa dáse un acceso máis áxil aos datos recollidos desde o ano 2023, data na que se puxo en marcha un estudo de identificación e marcaxe selectivo de larvas desta especie mediante anticorpos monoclonais, realizado polo Centro de Investigación CINBIO da Universidade de Vigo, o Centro Investigacións Mariñas (CIMA) e o Instituto Tecnolóxico do Control Mariño de Galicia (Intecmar).

No acto, no que Villares estivo acompañado da directora xeral de Pesca, Acuicultura e  Innovación  Tecnolóxica, Patricia García, e da directora xerente de CETMAR, Rosa Chapela, informouse de que esta ferramenta mellora a accesibilidade e consulta a estes datos; facilita a súa interpretación, ofrecendo información de interese como a posición das estacións de mostraxe; e permite coñecer a súa evolución temporal para os anos 2023, 2024 e 2025. Tamén inclúe un diagrama do ciclo larvario do molusco bivalvo, así como comentarios sobre a evolución observada recentemente en cada estación, entre outras observacións.

Estes aspectos e o funcionamento deste instrumento están a presentarse ao sector no marco das xornadas do proxecto Capacitamex, a través do CETMAR, xunto con outros avances e traballos de investigación de interese para o sector, pois de APROMEX tamén se extraen outros datos que abarcan dende a avaliación da fixación de cría nas rochas á posta en marcha de novos sistemas de avaliación de captación no medio natural e a produción complementaria, a través de criadeiros.

Co fin de avanzar neste proxecto e de impulsar diversas iniciativas destinadas a garantir a sustentabilidade e o desenvolvemento deste recurso, a Consellería do Mar prevé investir ata 2026 máis de 1,2 millóns de euros. Porén, esta acción dá continuidade a outros traballos anteriores.

A miticultura en Galicia

A miticultura, unha das principais actividades acuícolas galegas, desempeña un papel crucial na economía e a sociedade galega. O seu desenvolvemento vai máis aló da propia actividade de cultivo en bateas (3.573 en Galicia), xa que o ciclo de engorde do mexillón depende da captación de semente salvaxe (mexilla), obtida principalmente das rochas do litoral e de cordas colectoras. Son actividades, segundo apuntou o responsable autonómico, esenciais para garantir o desenvolvemento do sector.

A alta variabilidade natural deste recurso e a súa importancia socioeconómica para Galicia avalan a demanda de levar a cabo un estudo en profundidade da súa dinámica, das posibilidades de aproveitamento, do impacto ecolóxico, e da procura de alternativas para abastecer ao sector co obxectivo de facelo máis resiliente.

Para garantir a súa sustentabilidade e desenvolvemento continuo é esencial abordar os desafíos que enfronta. Neste contexto, a Consellería do Mar, a través do CIMA, e co apoio técnico do CETMAR, lanzou o proxecto APROMEX, co-financiado con fondos europeos. Estes retos abórdanse a través de tres áreas: análise das poboacións de mexilla no intermareal rochoso e a súa explotación, avaliación de novos sistemas de captación de semente e desenvolvemento de sistemas de produción de semente en condicións controladas de criadeiro.

UNOC-3

By | Novidades | No Comments

Galicia avoga por situar a pesca e a acuicultura como piares centrais do Pacto Europeo dos Océanos

  • Nun evento no Comité Europeo das Rexións en Bruxelas, a directora do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, Rosa Chapela Pérez, defende que estes sectores son aliados esenciais para garantir o equilibrio e a sostibilidade dos mares

Galicia ratificou hoxe o seu apoio pleno ao Pacto Europeo dos Océanos como plataforma fundamental para unificar a súa gobernanza e aliñar a protección do medio ambiente co seu uso sostible, e avogou pola integración plena da pesca e da acuicultura como piares centrais dese acordo.

Durante un evento no Comité Europeo das Rexións celebrado en Bruxelas este mediodía, a directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, Rosa Chapela Pérez, defendeu que os sectores pesqueiro e acuícola sostibles “non representan unha ameaza para a saúde dos nosos océanos”. Polo contrario, afirmou, “son aliados esenciais para manter o seu equilibrio”.

A responsable do Cetmar interveu en representación da Consellería do Mar nunha xornada de alto nivel organizada pola Oficina Europea para a Conservación e o Desenvolvemento en colaboración co Comité Económico e Social Europeo. O seu obxectivo era explorar como o vindeiro Pacto Europeo polos Océanos contribuirá á sostibilidade global destes, isto na antesala da terceira Conferencia das Nacións Unidas sobre os Océanos (UNOC-3), que terá lugar en Niza no mes de xuño.

Neste marco, Rosa Chapela insistiu na importancia de que o devandito pacto recoñeza e apoie á pesca artesanal e a pequena escala, ao marisqueo e a acuicultura sostibles como factores “clave” que contribúen á resiliencia costeira, á seguridade alimentaria e ao patrimonio cultural, recoñecendo ademais o seu papel no cumprimento do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 14 (ODS), a resiliencia climática e a soberanía alimentaria.

Na súa intervención, a directora do CETMAR fixo un repaso ás aportacións de Galicia ao Pacto Europeo para os Océanos, que resumiu en catro piares básicos: “unha gobernanza sólida e unha planificación espacial marítima integrada; na gobernanza do océano centrada nas persoas; sistemas alimentarios azuis sostibles e inclusivos e inversión en ciencia, innovación e desenvolvemento de capacidades”.

Recordou que Galicia colabora estreitamente co Goberno español cara unha planificación espacial marítima que garanta un equilibrio xusto entre todos os usos do océano, unha visión integrada que, afirmou, “minimiza os conflitos e maximiza as sinerxías” e defendeu o mar coma un piar cultural, social e económico. “Avogamos por un Pacto que sitúe ás comunidades costeiras no centro, garantindo o traballo decente, o relevo xeracional e o recoñecemento do papel das mulleres na economía azul”.

Neste punto, a directora do CETMAR referiuse aos Grupos de Acción Local de Pesca (GALP) que forman parte dunha rede europea máis ampla e que, apuntou, “ofrecen un modelo probado de gobernanza comunitaria de abaixo a arriba” e que, engadiu, “poden axudar a por en marcha este Pacto sobre o terreo”.

Aliñar o crecemento da economía azul coa acción climática, garantir un acceso equitativo á financiación e a formulación de políticas da Unión Europea para rexións costeiras como Galicia ou investir en ciencia, innovación e formación para apoiar á xestión e a resiliencia dun océano cambiante foron outros dos compromisos suxeridos por Galicia para a súa inclusión explícita no Pacto para os Océanos.

No marco de Secweb 2.0

By | Novidades | No Comments

CETMAR colabora cos Grupos de Coordinación Rexional europeos no deseño de ferramentas innovadoras para mellorar a xestión dos datos pesqueiros na UE

  • O desenvolvemento destes novos servizos tecnolóxicos lévase a cabo no marco do proxecto Secweb 2.0, financiado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura
  • O Centro Tecnolóxico do Mar é responsable da secretaría que presta apoio administrativo a estes grupos desde o ano 2023

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e os Grupos de Coordinación Rexional europeos (RCGs, polas súas siglas en inglés) están traballando conxuntamente no deseño e desenvolvemento de ferramentas e servizos innovadores que melloren o funcionamento destes grupos, responsables da recollida e xestión dos datos das pesqueiras na Unión Europea.

Como responsable da secretaría que presta apoio aos RCGs (Regional Coordination Groups), e no marco do proxecto Secweb 2.0, que financia o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura, a institución galega, dependente da Consellería do Mar, está liderando este proceso, que se iniciaba cunha enquisa aos expertos que conforman estes grupos para coñecer as súas demandas de mellora.

Tendo en conta os resultados desa consulta acordouse o desenvolvemento dunha serie de ferramentas e contidos, como unha plataforma para a xestión de recomendacións e decisións, un sistema de rexistro de eventos ou un calendario e unha biblioteca electrónicos, ademais da mellora e actualización do sitio web dos Grupos de Coordinación Rexional e da base de datos das partes interesadas.

O deseño e posta en práctica destas accións foi debatido xa na primeira reunión de co-deseño, que reuniu a 17 representantes dos seis grupos e dos subgrupos e aos puntos focais nacionais, e na que se abordaron os contidos da plataforma para a xestión de recomendacións e decisións, que permitirá facer seguimento das mesmas mais aló do encontro que anualmente celebran os RCGs.

CETMAR abordará cos grupos en vindeiras reunións os contidos doutras ferramentas como o calendario ou o novo sistema de rexistro de eventos, ou da biblioteca virtual, decidindo de común acordo a información a compartir, o xeito de mostrala ou o sistema de acceso, entre outras características.

Trátase dun proceso de deseño cooperativo, continuo e aberto, liderado polo CETMAR, que irá presentando os avances ata o desenvolvemento final destas novas ferramentas, coas que se pretende facilitar o día a día no traballo dos Grupos de Coordinación Rexional.

A área de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía do Centro Tecnolóxico do Mar asiste desde 2023 aos RCGs e préstalles  apoio nos procedementos organizativos e de comunicación dos grupos, artellando novos mecanismos e propostas co obxectivo de consolidar unha estrutura de secretaría que os apoie a longo prazo.

Paralelamente, CETMAR desenvolve o citado proxecto SECWEB 2.0 para mellorar a capacidade dos RCG e fortalecer a coordinación rexional desta rede de mais de 400 expertos dedicada a recollida, xestión e intercambio de datos pesqueiros.

Os Grupos de Coordinación Rexional -Atlántico Norte, Mar do Norte e Ártico Oriental (RCG NANSEA); Báltico (RCG Báltico); Grandes peláxicos (RCG LP); Pesca de longa distancia (RCG LDF); Mediterráneo e Mar Negro (RCG Med&BS) e Asuntos Económicos (RCG ECON)- son o principal centro de recollida de datos das pesqueiras co que conta a Unión Europea para mellorar e asegurar a xestión sostible dos recursos mariños.

O análise desta información constitúe a base cara a avaliación dos stocks, a partir dos cales redáctanse informes científicos que serven de base para determinar as posibilidades de pesca de cada especie.