
O proxecto Free LitterAT, coordinado polo CETMAR, reúne nun kit de ferramentas en liña os recursos de 25 proxectos europeos para previr e reducir o lixo mariño
- O traballo en rede foi desenvolvido no marco do proxecto Free LitterAT en colaboración co equipo de traballo do Pilar IV sobre Océanos Saudables e Costas Resilientes do Plan de Acción do Atlántico da Comisión Europea
- O obxectivo é involucrar a proxectos europeos clave nesta materia na axuda ás partes interesadas cara a consecución de comunidades costeiras libres de lixo mariño
O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR desenvolveu un kit de ferramentas en liña que reúne os recursos de 25 proxectos europeos para previr e reducir o lixo mariño, axudar ás partes interesadas nesta materia e avanzar cara a consecución de comunidades costeiras libres de lixo mariño.
Este traballo, que acaba de vela luz, foi desenvolvido en rede no marco do proxecto Interreg Espacio Atlántico Free LitterAT, centrado nesta materia e coordinado polo propio CETMAR, e en colaboración co equipo de traballo sobre Océanos Saudables e Costas Resilientes do Plan de Acción do Atlántico da Comisión Europea.
Con ese apoio, o equipo da área de Control e Xestión do Medio e os Recursos Mariños do CETMAR, centro dependente da Consellería do Mar, contactou con mais de 30 proxectos europeos de diferentes programas que traballaron en diversos aspectos do lixo mariño, dos que un total de 25 colaboraron na elaboración deste kit de recursos.
O documento online resultante froito desta iniciativa de colaboración está dispoñible na páxina web do proxecto Free LitterAT (https://freelitterat.eu/capitalisation/), facilitando así aos responsables políticos, autoridades locais, investigadores, industria, ONGs e sociedade civil en xeral o acceso a proxectos clave na loita contra o lixo mariño e aos recursos asociados, fomentando ao tempo o traballo en rede.
Os recursos seleccionados neste kit abarcan desde directrices e metodoloxías e boas prácticas ata manuais, procedementos, prototipos tecnolóxicos, estudios de ciclo de vida, software, aplicacións e materiais de capacitación e comunicación, entre outros.
A maiores se inclúen publicacións científicas sobre xestión e reciclaxe de residuos, prevención na entrada de lixo cara ao mar, detección e seguimento, retirada e recollida de lixo mariño (artes de pesca abandonadas ou descartadas, programas de pesca de lixo, limpeza de costas e praias) ou sobre a concienciación.
Se ben esta acción do proxecto Free LitterAT foi promovida no marco do Plan de Acción do Atlántico, ten vocación de aplicarse a outras concas mariñas, polo que está prevista a súa difusión co apoio dos proxectos participantes e do propio Plan. Así, de cara ao futuro programaranse accións conxuntas (talleres, accións piloto, actividades de formación) e estudiarase a posibilidade de agrupar os resultados dos proxectos de investigación para incrementar o seu impacto e aplicabilidade.
O proxecto Free LitterAT
O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR coordina o proxecto europeo Free LiitterAT, que aborda a problemática do lixo mariño a través dunha aproximación holística e mediante enfoques innovadores para previr, vixiar e reducir estes residuos no litoral atlántico. Un total de 23 organizacións de España, Francia, Portugal e Irlanda conforman este consorcio, 14 delas como socios con financiación procedente do Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico da Unión Europea e outras 9 como entidades asociadas. A participación galega e moi destacada e ademais do CETMAR participan o IEO, Intecmar e a Universidade de Santiago.

