Daily Archives

18 Abril, 2024

Proxecto REDUCE

By | Novidades | No Comments

CETMAR e 12 institucións de 5 países traballan nunha investigación europea para reducir a captura incidental de megafauna mariña ameazada

  • O proxecto Reduce buscará a colaboración de todas as partes interesadas para abordar este desafío e contribuír a unha xestión pesqueira más sostible
  • Coordinada pola Universidade de Barcelona, trátase dunha iniciativa de investigación financiada pola Comisión Europea a través do programa Horizonte Europa
  • A reunión de lanzamento terá lugar desde hoxe e ata o sábado na cidade condal, no que será o encontro de inicio de catro anos de traballo conxunto

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar traballará os vindeiros catro anos da man de 12 institucións de 5 países de Europa e África nun novo proxecto europeo cuxo obxectivo é reducir a captura incidental de megafauna ameazada no Atlántico central e oriental e contribuír así a unha xestión pesqueira más sostible

Coordinado pola Universidade de Barcelona, o proxecto Reduce deu comezo en xaneiro de 2024 e a súa actividade, financiada pola Unión Europea a través do programa Horizonte Europa, prolongaranse ata decembro de 2027. Para elo, o consorcio formado por 13 institucións de España, Portugal, Francia e Reino Unido contará cun presuposto de case 9 millóns de euros.

A través dunha perspectiva interdisciplinar, e coa integración de metodoloxías científicas de vangarda e da análise de datos robustos, esta nova acción europea pretende proporcionar coñecementos prácticos que permitan mellorar os sistemas de observación, protexer a biodiversidade mariña e promover prácticas pesqueiras máis responsables, todo elo coa colaboración de todas as partes interesadas.

Co obxectivo de compartir coñecementos e de avanzar na planificación das actividades a desenvolver nos vindeiros meses, a reunión de lanzamento reunirá en Barcelona desde hoxe e ata o sábado a mais de corenta representantes das 13 institucións que conforman o consorcio, entre as que se atopan tamén a Universidade de Santiago de Compostela, e o CSIC a través o Instituto e Investigacións Mariñas  e de varios dos centros do Instituto Español de Oceanografía.

Durante a primeira xornada de traballo, o consorcio Reduce abordará o contexto actual nos caladoiros de pesca de longa distancia e a situación da xestión pesqueira onde operan as flotas europeas, así como sobre o estado dos ecosistemas mariños no Atlántico Centro-Oriental.

A reunión de lanzamento servirá ademais para, no seu segundo día, debater sobre a integración de datos de capturas incidentais de flotas europeas na zona obxecto de estudio xunto con información sobre o esforzo pesqueiro e a distribución de especies. Tamén se valorará a mellora dos programas de observadores, o sistemas de seguimento electrónico ou o uso da intelixencia artificial para proporcionar datos de alta resolución, así como o establecemento de mecanismos eficientes de manexo e intercambio de datos.

Desenvolver solucións sostibles para a captura incidental require integrar diversas fontes de datos científicos e avaliar de forma crítica os marcos actuais de gobernanza mariña nas áreas obxecto do proxecto, polo que o consorcio prevé unha estreita colaboración coa industria e as autoridades, incluíndo as dos países de África Noroccidental.

Ademais do CETMAR, o consorcio REDUCE está formado polas universidades de Barcelona, ​​​​Valencia, Santiago de Compostela e Coimbra; o Instituto de Investigacións Mariñas (IMM) e o Instituto Español de Oceanografía (IEO) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC); o Instituto de Investigación para o Desenvolvemento (IRD); o Centro Interdisciplinar de Investigacións Mariñas e Ambientais (CIIMAR); o Centro de Investigación en Biodiversidade e Recursos Xenéticos (CIBIO-BIOPOLIS), a empresa DATAFISH e a Alianza Rexional para a Conservación das Zonas Costeiras e Mariñas (PRCM). Neste proxecto colaborarán como asociados BirdLife International e a Marine Biological Association, ambas con sede no Reino Unido.

#CienciasMariñasGal

By | Novidades | No Comments

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia traballa para reforzar a acuicultura de moluscos bivalvos en Galicia mediante novos procedementos e ferramentas que garantan un abastecemento sustentable de sementes

  • Os investigadores que forman parte do paquete de traballo 7 sobre produción sostible de moluscos mantiveron hoxe unha reunión de seguimento na sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR en Vigo

Unha nova reunión de seguimento do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia tivo lugar hoxe na sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR en Vigo, neste caso do paquete de traballo 7, que traballa para facer máis sostible a produción de moluscos bivalvos en Galicia.

Como ven sendo habitual neste tipo de encontros, a reunión, que se prolongou durante toda a mañá, permitiu analizar o avance dos traballos en todas as actuacións previstas neste paquete, que ten como obxectivo achegar procedementos e ferramentas que garantan un abastecemento sostible de semente para mellorar e potenciar a acuicultura de moluscos bivalvos, nun contexto de explotación sostible dos recursos naturais en Galicia.

Coordinado polo IIM-CSIC e o IEO-CSIC, e coa participación de CETMAR, CIMA, IGAFA e das universidades de Santiago e A Coruña, o PT7 representa o maior esforzo de investigación multidisciplinar sobre o cultivo integral de moluscos bivalvos de importancia marisqueira realizado ata a data en Galicia. No futuro, os resultados obtidos servirán tamén de referencia para desenvolver protocolos aplicables a outras especies.

Ademais de garantir un abastecemento sustentable de semente, tanto no medio natural como nos criadeiros, o PT7 pretende desenvolver os coñecementos necesarios para a súa produción durante todo o ano, e especialmente fóra do período natural. Ademais, e a través deste paquete de traballo, os investigadores buscan garantir a restauración dos bancos naturais, mantendo a diversidade e o equilibrio ecolóxico, e contribuír a manter e mellorar a actividade marisqueira, garantindo o emprego local.

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia enmárcase nos Plans Complementarios de Ciencias do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades incluídos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR-C17.I1), e está financiado a través da Xunta de Galicia con fondos Next GenerationEU. e o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura da Unión Europea.