Monthly Archives

octubre 2013

Rosa Quintana destaca o papel estratéxico das empresas no exterior e anuncia un “especial empuxe” da Xunta de Galicia a este sector

Por | Novedades

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, inaugurou hoxe o Foro “O papel da empresa como actor de cooperación ao desenvolvemento do sector pesqueiro. O caso de Namibia”, que se celebrou na sede da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo-ARVI. A conselleira destacou o papel estratéxico das empresas no exterior e anunciou un “especial empuxe” da Xunta a este sector que “vai xogar un papel no desenvolvemento dos países máis desfavorecidos” a través de proxectos sustentables e xeradores de riqueza e emprego.

Durante o acto de apertura do foro, no que estivo acompañada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, a titular de Medio Rural e Mar asegurou que para o Goberno galego “hai unha cuestión básica e unánime que reside na consideración do noso sector exterior como estratéxico”. Unha liña de actuación na que, dixo, “hai que ir da man doutros moitos sectores e institucións, e especialmente da cooperación ao desenvolvemento”.

Rosa Quintana insistiu no “importantísimo” papel xogado polas iniciativas privadas no desenvolvemento en terceiros países. A conselleira recordou que para determinar os efectos desas inversións, o seu departamento impulsou en 2011 o proxecto “Análises de coherencia de políticas no marco do sector pesqueiro empresarial e o desenvolvemento económico sostible”, unha iniciativa levada a cabo pola Universidade da Coruña, o Centro Tecnolóxico do Mar e ARVI, con financiamento da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo.

O devandito proxecto, no marco do que se celebrou este foro, centrouse en Namibia por ser un país no que concorreu “unha intelixente política de atracción de capital estranxeiro, de audacia e valentía dos inversores españois e de transformación nunha verdadeira potencia pesqueira internacional”, afirmou Rosa Quintana, ao tempo que  anunciou a súa intención e a do presidente da Xunta de visitar as empresas radicadas nese país.

Pola súa banda, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou que a Cooperación Galega está especialmente interesada en fortalecer o papel das empresas galegas como axentes de cooperación, sobre todo naqueles ámbitos como o da pesca no que Galicia ten un claro liderado nacional e internacional.

Por este motivo, avanzou, o Goberno galego seguirá a apoiar iniciativas nesa liña, tal e como se porá de manifesto no novo período de planificación estratéxica da cooperación galega que comeza no vindeiro ano 2014.

Xa no período anterior, 2010-2013, o sector pesqueiro foi o sector estratéxico por excelencia para a Cooperación Galega e dos 7,4 millóns de euros destinados á infraestrutura e promoción do tecido económico, dous terzos destináronse a intervencións no sector pesqueiro e acuícola.”

Relatorios

O xefe da Unidade de Empresa e Desenvolvemento da AECID, Miguel Ángel Martínez, foi o encargado de abrir os relatorios sobre a empresa como actor na cooperación ao desenvolvemento, un tema do que tamén falaron Alberto López-Asenjo, conselleiro da FAO; Jorge Romón, representante de ARVI, e Annina Burgin, investigadora da Universidade da Coruña.

O Foro proseguiu cunha mesa redonda sobre as novas perspectivas de colaboración público privada no que participaron representantes de Cooperación Galega, ARVI, Universidade de Santiago e Coordinadora Galega de ONGs. As conclusións correron a cargo do doutor Enrique López Veiga.

A Fundación CETMAR e os seus socios no proxecto ACRUNET traballan na elaboración dunha norma de calidade europea para o boi de mar

Por | Novedades

O Centro Tecnolóxico do Mar e os seus socios no proxecto ACRUNET están a traballar na elaboración dunha norma de calidade para o boi de mar europeo que garanta a súa pesca responsable e faga deste un produto competitivo.

Trátase dunha das medidas que, para mellorar este sector en Europa, están a estudiar os membros do consorcio ACRUNET, quince institucións e entidades de Francia, Reino Unido, Irlanda, Portugal e España que mañá martes e o mércores reúnense na sede do CETMAR en Vigo na busca de novos acordos.

Sobre a base da conformación dunha rede dinámica coa participación de tódolos interlocutores do sector,  esta iniciativa financiada polo Programa Transnacional Espacio Atlántico pretende dar solución aos desafíos da distribución e comercialización do boi de mar, apostando pola innovación e incrementando a súa competitividade e rendibilidade a nivel europeo.

Os socios de ACRUNET traballan así na mellora do transporte deste produto mediante un programa de seguimento que permitirá identificar os puntos críticos deste proceso e as súas posibles solucións, así como nunha nova tecnoloxía para controlar o proceso da pesca mediante un etiquetado electrónico que evitará a perda de aparellos e permitirá controlar as capturas.

Coordinado por Bord lascaigh Mhara (BIM) de Irlanda, o proxecto ACRUNET iniciou a súa andaina en xullo de 2012 e dende entón e ata maio de 2015 os seus socios confían en contribuír á mellorar a competitividade deste sector e a aumentar a visibilidade do boi de mar no mercado  europeo.

Xunto ao CETMAR e ao BIM participan nesta iniciativa Killybegs Fishermen´s Organisation LTD; Seafish; FranceAgriMer; Marine Institute; Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera; Comité National des Pêches Maritimes et des Elevages Marins; Bord Bia; Shellfish Association of Great Britain; Institut Français de Recherche pour l´Éxploitation de la Mer; Centre for Environmental, Fisheries and Aquaculture Sciencie (Cefas); National Federation of Fishermen´s Organisations  do Reino Unido; Scottish Fishermen´s Federation e Seafood Scotland.

O Centro Tecnolóxico do Mar promove un foro sobre o papel das empresas na cooperación ao desenvolvento do sector pesqueiro

Por | Novedades

A Universidade da Coruña, o Centro Tecnolóxico do Mar  e a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo organizan o vindeiro 25 de outubro un foro sobre “O papel da empresa como actor de cooperación ao desenvolvemento do sector pesqueiro: o caso de Namibia”.

A xornada será inaugurada pola conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quíntana, e terá lugar na sede de ARVI no porto pesqueiro vigués. A súa organización enmárcase dentro do proxecto “Análises de coherencia de políticas no marco do sector pesqueiro empresarial e o desenvolvemento socioeconómico sostible. O caso de Namibia”.

Coordinado polo Instituto Universitario de Estudios Europeos da Universidade da Coruña, o devandito proxecto conta coa participación da Fundación CETMAR e da Cooperativa de Armadores de Vigo e está financiado pola Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID).

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo Aller, acompañará á conselleira do Medio Rural e do Mar na apertura do foro, prevista para as 9.30 horas. A continuación terá ligar o primeiro relatorio previsto sobre a empresa como actor na cooperación ao desenvolvemento, no que participarán representantes da AECID, ARVI e Universidade da Coruña.

Está prevista tamén unha mesa redonda sobre novas perspectivas de colaboración público privada con representantes de Cooperación Galega, ARVI, FAO, Coordinadora Galega de ONGs e Universidade de Santiago. As conclusións da xornada correrán a cargo do doutor Enrique López Veiga.

A asistencia ao Foro é libre e os interesados poderán inscribirse a través do correo electrónico (mgonzalez@cetmar.org).

www.cetmar.org/seminarios/Programa Foro.pdf

 

A Fundación CETMAR presenta aos axentes da pesca europea un prototipo de sistema de xestión deseñado no marco do proxecto ECOFISHMAN

Por | Novedades

O Centro Tecnolóxico do Mar reunirá en Bruxelas aos principais axentes implicados na pesca en Europa co obxectivo de presentarlles un prototipo dun innovador sistema de xestión pesqueira deseñado no marco do proxecto Ecofishman, financiado pola Unión Europea.

Representantes das administracións con competencias nesta materia (DG Mare, DG Environment, DG Research), científicos de diferentes institucións europeas, asociacións de profesionais da pesca e outros axentes interesados coñecerán así a terceira versión do prototipo deseñado polos socios de Ecofishman, durante un encontro que terá lugar os vindeiros días 15 e 16 de outubro.

As conclusións desas reunións serán tidas en conta para determinar a cuarta e definitiva versión do sistema de xestión pesqueira, que será presentado a comezos de 2014 xunto a unha guía para a súa implementación.

Trátase dun innovador sistema que terá en conta factores ecolóxicos, económicos, sociais e de gobernanza, baseado en resultados e deseñado en estreita colaboración cos axentes máis importantes da pesca en Europa, aos que lle outorgará un maior grado de participación.

EcoFishMan -Ecosystem-based Responsive Fisheries Management in Europe- é un proxecto financiado polo 7º Programa Marco que plantexa unha perspectiva innovadora na xestión das pesqueiras. A visión do proxecto é contribuir cun novo enfoque para a Política Pesquera Común (PPC) involucrando a todos as partes interesadas, administracións públicas, industria, consumidores, organizacións non gubernamentais, organismos consultivos, etc.

Xunto ao CETMAR participan nesta iniciativa Matis ohf.; IPIMAR;  MAPIX technologies Ltd.; Marine Scotland Science; Seafish; Eurofish; The Bitland Enterprise; University of Iceland; National Research Council / Institute of Marine Sciences; Nofima Marin; University of Tromsø; Centro de Ciências do Mar e a University of Aberdeen.

O Centro Tecnolóxico do Mar presenta os proxectos europeos OYSTERECOVER e PARASITE no Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura

Por | Novedades

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR presentou esta mañá no XVI Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas os proxectos europeos OYSTERECOVER, cuxo obxectivo e procurar ferramentas que posibiliten a recuperación da produción da ostra plana en Europa, e PARASITE, que pretende mitigar o impacto en consumidores e industria dos parasitos que afectan aos produtos da pesca.

Rosa Fernández Otero, coordinadora da área de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía e responsable destas iniciativas no CETMAR, foi a encargada de dar conta dos detalles de ambos proxectos e dos avances acadados ata o momento.

Tamén ao amparo do ForoAcui celebrouse a Xornada sobre criadeiros e semilleiros, sementeira e cultivo de moluscos bivalvos, unha iniciativa do Centro Tecnolóxico do Mar e da Consellería do Medio Rural e do Mar que acadou así a súa terceira edición.

A xornada, na que participaron expertos de diferentes países do mundo e representantes da administración e de empresas relacionadas con este ámbito, serviu para facer unha posta en común sobre a situación deste sector, os problemas actuais e as melloras conseguidas para optimizar o seu desenvolvemento.

O CETMAR e os seus socios no proxecto OYSTERECOVER presentan novas ferramentas para recuperar a produción de ostra plana en Europa

Por | Novedades

Os socios do proxecto OYSTERECOVER, que coordina o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR xunto ao Centro de Investigacións Mariñas –CIMA-, presentaron hoxe os resultados de tres anos de traballo na busca de ferramentas que permitan a recuperación da produción de ostra plana en Europa.

Nun taller que tivo lugar na sede do CETMAR, os expertos presentaron os avances para implementar no futuro a selección xenética baseada en estirpes resistentes a bonamiose como unha das estratexias mais favorable na loita contra ese parasito -principal responsable da mortaldade da ostra- posibilitando así a recuperación desta actividade produtiva en Galicia e en Europa.

Na apertura da xornada, á que asistiu o secretario xeral de Mar, Juan Maneiro,  a directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, afirmou que os resultados obtidos no marco do proxecto OYSTERECOVER permiten ser optimistas, ao alcanzarse os obxectivos propostos polos seus socios en canto a métodos de detección da bonamiose ou protocolos para a selección xenética, entre outros aspectos abordados.

Das principais ferramentas obtidas no proxecto e da súa aplicación en futuros programas de selección xenética falaron Antonio Villalba, investigador do CIMA, e Belén Gómez, do grupo AQUIGEN da Universidade de Santiago de Compostela.

Por parte do Centro Tecnolóxico do Mar interveu ademais Rosa Fernández, coordinadora da área de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía, quen asegurou que este proxecto ven a demostrar que a implicación neste tipo de iniciativas europeas de sectores con pequenas empresas é posible “e con resultados exitosos”.

Financiado pola Unión Europea, no OYSTERECOVER tomaron parte como socios a Confraría de Noia e a empresa José María Daporta Leiro e Hijos S.L., ademais de Agrocampus Ouest; Atlantic Shellfish Ltd,; Centre for Environment, Fisheries & Aquaculture Science, CEFAS; Clew Bay Marine Forum Ltd.; Clew Bay Oyster Co-operative Society Limited; Den Erhvervsdrivende Fond Dansk Skaldyrcenter; Nederlandse Oestervereniging; Comité Régionale de la Conchyliculture Bretagne-Nord; Universidade de Santiago de Compostela; University College Cork, National University of Ireland, e Wageningen IMARES.

A Fundación CETMAR e o Goberno de Chile estudian colaborar en materia de formación en xestión pesqueira

Por | Novedades

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e o Goberno de Chile están a deseñar unha estratexia de colaboración  en materia de formación en xestión pesqueira. Unha delegación da Subsecretaría de Pesca e Acuicultura chilena encabezada polo seu máximo responsable, Pablo Galilea Carrillo, visitou a sede da institución en Vigo para coñecer o traballo que os seus técnicos veñen desempeñando neste e neutros ámbitos.

Tras unha reunión coa directora-xerente, Paloma Rueda Crespo,  e responsables das diferentes áreas de traballo para coñecer o funcionamento do CETMAR, ambas partes quedaron citadas a un novo encontro no que deseñar unha estratexia de colaboración cara á capacitación dos técnicos e das comunidades costeiras daquel país en materia de xestión pesqueira, facendo fincapé na habilitación dos servicios de extensión.

A primeira reunión terá lugar a vindeira semana e o primeiro obxectivo é organizar unha misión de capacitación de técnicos chilenos en Galicia no mes de marzo, misión que tería continuidade en Chile co posterior desprazamento dos formadores galegos a ese país.