Novedades

O CETMAR e os seus socios no proxecto OYSTERECOVER presentan novas ferramentas para recuperar a produción de ostra plana en Europa

Por 10 octubre, 2013 Ningún comentario

Os socios do proxecto OYSTERECOVER, que coordina o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR xunto ao Centro de Investigacións Mariñas –CIMA-, presentaron hoxe os resultados de tres anos de traballo na busca de ferramentas que permitan a recuperación da produción de ostra plana en Europa.

Nun taller que tivo lugar na sede do CETMAR, os expertos presentaron os avances para implementar no futuro a selección xenética baseada en estirpes resistentes a bonamiose como unha das estratexias mais favorable na loita contra ese parasito -principal responsable da mortaldade da ostra- posibilitando así a recuperación desta actividade produtiva en Galicia e en Europa.

Na apertura da xornada, á que asistiu o secretario xeral de Mar, Juan Maneiro,  a directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, afirmou que os resultados obtidos no marco do proxecto OYSTERECOVER permiten ser optimistas, ao alcanzarse os obxectivos propostos polos seus socios en canto a métodos de detección da bonamiose ou protocolos para a selección xenética, entre outros aspectos abordados.

Das principais ferramentas obtidas no proxecto e da súa aplicación en futuros programas de selección xenética falaron Antonio Villalba, investigador do CIMA, e Belén Gómez, do grupo AQUIGEN da Universidade de Santiago de Compostela.

Por parte do Centro Tecnolóxico do Mar interveu ademais Rosa Fernández, coordinadora da área de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía, quen asegurou que este proxecto ven a demostrar que a implicación neste tipo de iniciativas europeas de sectores con pequenas empresas é posible “e con resultados exitosos”.

Financiado pola Unión Europea, no OYSTERECOVER tomaron parte como socios a Confraría de Noia e a empresa José María Daporta Leiro e Hijos S.L., ademais de Agrocampus Ouest; Atlantic Shellfish Ltd,; Centre for Environment, Fisheries & Aquaculture Science, CEFAS; Clew Bay Marine Forum Ltd.; Clew Bay Oyster Co-operative Society Limited; Den Erhvervsdrivende Fond Dansk Skaldyrcenter; Nederlandse Oestervereniging; Comité Régionale de la Conchyliculture Bretagne-Nord; Universidade de Santiago de Compostela; University College Cork, National University of Ireland, e Wageningen IMARES.