Monthly Archives

August 2013

O CETMAR colabora na mellora da seguridade alimentaria de Sao Tomé e Príncipe a través do fortalecemento do seu sector pesqueiro cun novo proxecto financiado pola UE

By | What's new

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR está a liderar un proxecto cara a fortalecer o sector pesqueiro en Sao Tomé e Príncipe, unha nova iniciativa de cooperación internacional financiada pola Unión Europea que pretende ademais repercutir nas condicións de vida sociais, económicas e nutricionais da poboación que depende deste sector.

“Fortalecemento da sociedade civil como estratexia de desenvolvemento económico e social no sector pesqueiro” é o título dun proxecto no que o CETMAR traballa xunto á Dirección Xeral de Pesca e o Programa Nacional de Alimentação e Saúde Escolar de Sao Tomé e Príncipe; o Programa Alimentario Mundial das Nacións Unidas; a ONG Marapa; o Instituto de Estudios del Hambre e a asociación ZATONA de apoio ao desenvolvemento de iniciativas locais.

As accións contempladas dentro desta iniciativa desenvolveranse dende este mes ata agosto de 2016 e o seu presuposto e de preto de medio millón de euros, cantidade financiada nun 75% pola Unión Europea.

Entre os obxectivos do proxecto está aumentar a participación de pescadores e vendedoras de peixe nas estratexias de desenvolvemento sectorial e nos procesos de toma de decisións mediante a súa organización previa, ademais de mellorar a capacitación destes profesionais nos ámbitos extractivo e de comercialización e de incrementar a súa rendibilidade económica. Finalmente preténdese promover o acceso aos produtos da pesca artesanal e garantir a seguridade alimentaria e a calidade nutricional dos mesmos.

A área de Cooperación Internacional da Fundación CETMAR ven colaborando co goberno de Sao Tomé e Príncipe no desenvolvemento do sector pesqueiro das illas dende o ano 2007 e a través de diferentes iniciativas.

O CETMAR convoca unha praza de técnico para o proxecto PROFOPESCAS a desenvolver en Sao Tomé e Príncipe

By | What's new

O Centro Tecnolóxico do Mar ven de convocar unha praza de técnico de proxecto cara o desenvolvemento do proxecto PROFOPESCAS, “Fortalecemento da sociedade civil como estratexia de desenvolvemento económico e social no sector da pesca en Sao Tomé e Príncipe”, iniciativa financiada pola Unión Europea.

Os aspirantes deberán acreditar unha licenciatura relacionada co perfil da praza e puntuaranse os servicios prestados en postos e actividades equiparables ou relacionadas coa mesma. O contrato terá unha duración de 21 meses a desenvolver en Sao Tomé e Príncipe.

As bases da convocatoria están dispoñibles en www.cetmar.org/ofertas-de-trabajo/

 

O Centro de Formación “A Aixola” abre o proceso de selección para tres novos cursos dentro da convocatoria 2013-2014

By | What's new

O Centro de Formación “A Aixola” abre o  proceso de selección para participar en tres das accións formativas incluídas na convocatoria de cursos 2013-2014, que se porá en marcha nas vindeiras semanas nas instalacións do Porto de Marín.

Trátase dos cursos de Modelista Laminador de Poliéster e de Carpintería de Ribeira, ámbolos dous de 600 horas, e doutro curso de Velaría e Acastillaxe, de 350 horas.

As persoas interesadas en asistir aos dous primeiros cursos deberán presentarse no Centro “A Aixola” o vindeiro mércores, 4 de setembro, ás 10:30 da mañá no caso do curso de poliéster, e as cinco da tarde no caso do curso de carpintería.

Os interesados no módulo de Velaría e Acastillaxe poderán realizar a proba de selección, consistente nun pequeno test de coñecementos xerais e nunha entrevista persoal, o xoves 5 de setembro ás 10:30 horas.

As prazas son limitadas, polo que para optar a participar nestes cursos é imprescindible a asistencia a este proceso de selección, ao que os aspirantes deberán acudir co seu DNI.