Monthly Archives

November 2012

O CETMAR propicia o encontro entre investigadores, sector e administración no foro sobre seguridade alimentaria en produtos da pesca

By | What's new | No Comments

O Centro Tecnolóxico do Mar propiciou un novo encontro entre investigadores, sector marítimo-pesqueiro e administración nunha nova xornada do Foro que sobre Seguridade Alimentaria en Produtos da Pesca estase a celebrar en Vigo dende o martes, organizado pola Fundación CETMAR e o Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC.

Na apertura deste evento, dedicado ás “Tecnoloxías para garantir a Bioseguridade dos produtos da pesca”, a directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, asegurou que iniciativas deste tipo permiten á Fundación cumprir cos obxectivos para os que foi creada. “A interrelación entre centros de investigación e as empresas privadas axuda a difundir e divulgar os resultados destes organismos e a colaborar co sector privado”, unha colaboración que, engadiu, tamén é “enriquecedora” para a Administración, o que redunda, apuntou, “nunha xestión mais proveitosa” para todos.

A técnica da área de Tecnoloxía dos Produtos Pesqueiros e responsable do Foro por parte do CETMAR, Elvira Abollo, foi a encargada de abrir os relatorios recordando que a organización deste evento foi posible gracias á colaboración de outras entidades públicas e privadas, como é o caso do Porto de Vigo, en cuxa sede péchase o Foro mañá pola tarde.

Respecto as dúas mesas de traballo celebradas o martes e o mércores, unha con asistencia de representantes do sector e dos centros de investigación, e outra de investigadores que traballan sobre os problemas derivados das parasitoses nos produtos da pesca, Elvira Abollo asegurou que resultaron “moi proveitosas” para tódalas partes.

O Foro finaliza mañá cunha nova xornada, esta vez pola tarde, no edificio de sesións do peirao de trasatlánticos do Porto de Vigo. “Novos retos en seguridade alimentaria dos produtos da pesca” é o título deste “Infoday”, que ten previsto o seu inicio a partires das catro.

O CETMAR presenta unha nova rede de centros de formación marítima como peche ao proxecto europeo Marleanet

By | What's new | No Comments

O Centro Tecnolóxico do Mar acolleu hoxe a presentación dunha nova rede de centros de formación marítima. Foi durante a conferencia final do proxecto europeo Marleanet, no que a Fundación CETMAR ven de traballar xunto a institucións de Portugal, Francia e Irlanda co obxectivo de integrar a tódolos subsectores deste ámbito académico.

Na apertura da xornada, que correu por conta da directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, esta destacou o feito de que “tódolos centros de formación de Galicia e de España” foran quen de ”atoparse, intercambiar experiencias e fomentar a creación dunha rede, propiciando sinerxías” que, asegurou, “terán aproveitamento no futuro”. Por este motivo agradeceu a participación tanto dos socios de Marleanet como das institucións de formación que colaboraron no cumprimento dos fins desta iniciativa.

Pola súa banda, Lucía Fraga, coordinadora da área de Formación do Centro Tecnolóxico do Mar, introduzo aos asistentes á conferencia nos detalles do proxecto que, recordou, contou coa participación de centros de formación civís, da Armada e marítimo-pesqueiros. Financiado a través do programa Interreg da Unión Europea, Marleanet contou coa participación de seis socios e manterá a súa actividade ata finais de 2012.

Do desenvolvemento da base de datos Marleanet falou Anxela Carballo, técnica do proxecto no CETMAR. Explicou que está estruturada en catro rexistros: documentos relacionados con este ámbito académico; entrevistas coas reflexións e opinións de expertos, docentes e axentes do sector; persoas –formadores, expertos, investigadores- e, finalmente, organizacións, como os propios centros de formación, agrupacións, asociacións ou organismos do sector marítimo-pesqueiro.

Entre as vantaxes desta base de datos destacou a maior visibilidade dos centros en internet e o feito de que propicia contactos entre institucións de España, Portugal, Irlanda e Francia. Tamén permite, dixo, compartir recursos e coñecementos e sirve de punto de encontro entre docentes, expertos e profesionais. Resaltou tamén o feito de que, por primeira vez, propíciase a interacción entre os sectores implicados na navegación, como é o caso da Armada, da mariña mercante e do sector da pesca.

Un debate aberto sobre a orientación da rede nun futuro e as necesidades dos centros de formación que sexa desexable abordar pechou o encontro, disponible no canal CAU CETMAR de YouTube. Os relatorios estarán en breve en www.marleanet.com.

Xunto ao CETMAR participan nesta iniciativa o Centre Européen de Formation Continue Maritime de Concarneau, que coordina a iniciativa; a  Université de Bretagne Occidentale; a Mutua dos Pescadores e a Escola Náutica Infante Don Henrique de Portugal e o Cork Institute of Technology/ National Maritime College of Ireland.

O Centro Tecnolóxico do Mar aborda nun seminario o futuro das pesqueiras da merluza de interese comercial

By | What's new | No Comments

“Evolución e tendencias das poboacións de merlúcidos de interese industrial. Saúde do recurso” é o título do seminario que se celebrará na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo mañá mércores día 28 e o venres 30 de novembro, organizado pola propia Fundación CETMAR e o Instituto Español de Oceanografía en colaboración coa Plataforma Tecnolóxica TECNPOPEIXE.

O obxectivo destas xornadas, nas que intervirán recoñecidos expertos de ámbito internacional, é abordar o futuro a corto prazo destas pesqueiras e as posibles estratexias cara a súa óptima xestión a fin de garantir o súa continuidade e, consecuentemente, o futuro da flota conxeladora e de altura, das empresas elaboradoras e dos frigoríficos que dependen delas.

A directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, será a encargada de presentar este seminario, cuxa apertura correrá a cargo do subdirector xeral da Consellería do Medio Rural e do Mar, José Molares. Será mañá mércores  nunha primeira xornada dedicada ás especies do Atlántico Suroccidental, como é o caso das pescadas arxentina, austral e de cola. No segundo día do seminario, o venres 30, o director do IEO, Eduardo Balguerías, abrirá unha mañá dedicada as especies das costas occidentais de África e á pescada europea.

Os relatorios correrán a cargo dos doutores Patricio Árana, da Pontificia Universidade Católica de Valparaíso; Ana Gordoa do CSIC; e José Luís del Río,CarmenG. Piñeiro, Santiago Cerviño e José Castro do IEO.

Vigo acolle un foro sobre seguridade alimentaria en produtos da pesca organizado polo Centro Tecnolóxico do Mar e o CSIC

By | What's new | No Comments

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR ven de organizar un Foro de I+D+I sobre seguridade alimentaria en colaboración co Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC. Baixo o título de “Bioseguridade en produtos da pesca: novos retos do laboratorio á mesa”, terá lugar en diversos escenarios da cidade de Vigo do 27 ao 30 de novembro.

O obxectivo desta iniciativa, na que tamén colabora o Porto de Vigo, é trasladar ao sector os resultados de investigación encamiñados á consecución de procesos e produtos recoñecibles polos seus altos estándares de calidade, contribuíndo así a mellorar a competitividade e a capacitación profesional e a incrementar as oportunidades de negocio.

A primeira xornada do foro consistirá nunha mesa de traballo sectorial de acceso restrinxido. Prevista para o día 27, leva por título “O compromiso da bioseguridade: estímulos tecnolóxicos e de mercado” e reunirá a representantes do sector industrial –extractivo, transformador- e comercializador, así como de empresas de base tecnolóxica, de centros tecnolóxicos e de organismos públicos de investigación. A apertura deste acto correrá a cargo do subdirector xeral da Pesca e dos Mercados da Pesca da Consellería do Medio Rural e do Mar, Antonio Rodríguez Fernández.

O día 28 terá lugar unha segunda mesa de traballo, esta vez con investigadores e tecnólogos procedentes de diferentes universidades e organismos públicos de investigación do país. Ao igual que no caso da xornada para o sector, esta será de acceso restrinxido.

O día 29 celebrarase o seminario “Tecnoloxías para garantir a bioseguridade dos productos da pesca”, no que participarán prestixiosos científicos nacionais e internacionais e expertos do ámbito empresarial.Paloma Rueda Crespo, directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar, será a encargada de inaugurar a xornada.

Finalmente, as instalacións do Porto de Vigo acollerán o día 30 un Infoday sobre “Novos retos en seguridade alimentaria en produtos da pesca”. Nesta xornada tomarán parte responsables do SERGAS e expertos a nivel nacional e internacional do ámbito da lexislación,  comunicación e competitividade en seguridade alimentaria.

O CETMAR presenta o proxecto ECODRAGA como exemplo de cooperación entre empresas, institucións de investigación e centros tecnolóxicos

By | What's new | No Comments

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR presentou hoxe o proxecto ECODRAGA como exemplo de cooperación entre empresas, institucións de investigación e centros tecnolóxicos. Durante o acto de apertura da xornada de lanzamento desta iniciativa, a directora da Fundación galega,Paloma Rueda Crespo, recordou que servir de nexo de unión entre o mundo empresarial e o investigador na procura da innovación é un dos fins fundamentais da institución que dirixe.

No caso de ECODRAGA, un proxecto financiado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial a través do programa Innterconecta, a Fundación CETMAR colabora coas empresas Astilleros Nodosa, Canlemar e Centro de Investigaciones Submarinas e con grupos de investigación da Universidade de Vigo e da Coruña cara o deseño e desenvolvemento dun novo sistema de dragado que faga esta actividade ecoloxicamente mais sostible.

O presidente de Portos de Galicia, Juan José Duran, e o director da Axencia Galega de Innovación, Ricardo Capilla, acompañaron a Paloma Rueda no acto de apertura da xornada, no que tamén participaron os vicerreitores de Vigo e A Coruña, José Antonio Vilán e Araceli Torres respectivamente. Todos eles coincidiron en destacar o interese de ECODRAGA, un proxecto que o máximo responsable de Portos cualificou de “ilusiónante” e que, dixo, “sitúa a Galicia na vangarda da innovación tecnolóxica”.

Pola súa banda, Ricaro Capilla asegurou que esta iniciativa cumpre os obxectivos do Plan Galego de Investigación deseñado pola Axencia que dirixe, como é procurar a inversión privada e a cooperación dos axentes do sector en proxectos que ademais deben xerar valor. Afirmou que a Xunta de Galicia “fixo os seus deberes” cara a xeración de proxectos “de alto impacto” como ECODRAGA e anunciou unha segunda convocatoria do fondo tecnolóxico que propiciará novas iniciativas en Galicia cunha inversión de mais de 150 millóns de euros.

Representantes das empresas e dos grupos de investigación que participan no consorcio do proxecto ECODRAGA expuxeron ao longo da mañá os pormenores desta iniciativa que se desenvolverá ata o ano 2014. O medio cento de asistentes que participaron na xornada tiveron oportunidade ademais de recibir mais información sobre a lexislación de dragado, a importancia desta iniciativa en España ou a o Plan de Verteduras de Galicia por parte de relatores de Puertos del Estado, CEDEX e Portos de Galicia.

A Fundación CETMAR presenta un novo proxecto de deseño e desenvolvemento dunha draga ecolóxica para a limpeza dos fondos mariños

By | What's new | No Comments

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR acollerá o vindeiro mércores 21 de novembro a xornada de lanzamento do proxecto ECODRAGA, unha nova iniciativa na que a institución galega colabora coas empresas Canlemar, Nodosa e Centro de Investigaciones Submarinas, así como coas universidades de Vigo e A Coruña. O seu obxectivo é o deseño dunha draga ecolóxica para a limpeza por succión dos fondos mariños e un sistema de vertedura do material no medio mariño con menor impacto por dispersión do material dragado.

O proxecto está financiado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial a través do programa Innterconecta Galicia e a xornada de presentación será inaugurada polo Director da Axencia Galega de Innovación. A clausura correrá a cargo do Presidente de Portos de Galicia.

CETMAR fará unha presentación xeral do proxecto e  a continuación representantes das empresas do consorcio ofrecerán unha visión xeral, comercial e empresarial e de mercado da ECODRAGA. A presentación técnica correrá a cargo dos grupos de investigación implicados na iniciativa.

O programa da xornada, que se desenvolverá de 10:00 a 13:00 horas, inclúe relatorios sobre o plan de verteduras de Galicia, sobre a lexislación de dragado e sobre a importancia desta técnica en España a cargo de representantes de Puertos del Estado, CEDEX e Portos de Galicia.

Unha mesa redonda cos relatores, empresas e investigadores seguida de coloquio porá fin ao evento, no que é posible inscribirse a través da web do Centro Tecnolóxico do Mar (www.cetmar.org/seminarios/Ecodraga/).

O CETMAR aposta polas aplicacións biomédicas como alternativa cara á valorización dos subprodutos da actividade pesqueira

By | What's new | No Comments

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR deu hoxe un paso mais na súa aposta pola valorización dos subprodutos derivados da actividade pesqueira coa celebración dun novo seminario sobre a utilización destes e doutros organismos mariños cara ao desenvolvemento de produtos nutracéuticos e alimentos funcionais, de constatados beneficios para a saúde das persoas.

Organizado no marco do proxecto MARMED “Desenvolvemento de produtos biomédicos innovadores a partires da valorización de recursos mariños”, o seminario foi inaugurado pola directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, quen destacou a “grande demanda e aceptación social” dos produtos nutracéuticos e alimentos funcionais e os seus beneficios para a saúde das persoas. Por este motivo, engadiu, o seu desenvolvemento é “unha moi boa vía” cara á valorización dos subprodutos pesqueiros.

Pola súa banda,Julio Maroto, coordinador da área de Tecnoloxía dos Produtos Pesqueiros e responsable do proxecto MARMED na institución, recordou que o seminario que se celebraba hoxe era o último dunha serie de ata catorce xornadas desenvolvidas nos últimos seis anos sobre diferentes temáticas vinculadas sempre a valorización dos subprodutos xerados pola actividade pesqueira e organismos mariños, unha liña de traballo estratéxica para o Centro Tecnolóxico do Mar.

Explicou tamén que os devanditos seminarios son froito das investigacións que neste ámbito desenvolvéronse nos últimos anos en outros catro proxectos europeos cuxo obxectivo global eran os aspectos relacionados coa valorización, como foi o caso de VALBIOTEC, BIOTECMAR, PROTEUS e IBEROMARE. Finalmente, moitas das capacidades dos consorcios que fixeron posible eses proxectos, nos que participou oCETMAR, converxeron en MARMED, no que traballan dez socios de España, Portugal, Reino Unido, Francia e Irlanda.

Liderado pola Universidade portuguesa do Minho, todos os socios deste proxecto son grupos de investigación a excepción da institución galega, que actúa como centro de transferencia. O seu obxectivo básico, segundo explicou Maroto, é a valorización a través do desenvolvemento de aplicacións no ámbito da saúde, “especialmente as biomédicas”. Entre as actividades desenvolvidas polo consorcio MARMED atópanse a identificación no Arco Atlántico de empresas capacitadas para valorizar os subprodutos ou organismos mariños; o estudio dos principios básicos existentes neles e, finalmente, a conexión entre empresas e grupos de investigación para o desenvolvemento de aplicacións.

O CETMAR aborda nun seminario o desenvolvemento de produtos nutracéuticos e alimentos funcionais de orixe mariña

By | What's new | No Comments

“Produtos nutracéuticos e alimentos funcionais de orixe mariño” é o título do seminario que o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR celebrará na súa sede en Vigo o vindeiro 16 de novembro e no que abordaranse as posibilidades de encamiñar a valorización de subprodutos pesqueiros e organismos mariños cara a estas aplicacións biomédicas. Prestixiosos expertos tanto do ámbito científico e académico como do mundo empresarial falarán do mercado actual e do desenvolvemento futuro deste tipo de produtos.

O evento está organizado e financiado ao amparo do proxecto MARMED (“Development of innovating biomedical products from marine resources valorisation). Trátase dunha iniciativa europea financiada a través do programa Interreg cuxo consorcio, do que forma parte oCETMAR, integra a un total de dez grupos de Investigación provenientes de Francia, España, Portugal, Irlanda  e Reino Unido.

A apertura e presentación do seminario correrá a cargo dePaloma Rueda Crespo, directora-xerente de CETMAR. A continuación, Julio Maroto, coordinador da área de Tecnoloxía dos Produtos Pesqueiros da Fundación galega, falará aos presentes do consorcio MARMED. Seguidamente desenvolveranse os relatorios sobre os produtos nutracéuticos e alimentos funcionais. Así, o doutor DavidLorenzo, codirector de Nutren-Nutrigenomics, disertará sobre o uso de novas ferramentas biotecnolóxicas ao servicio do desenvolvemento dos devanditos produtos. Da nova regulación europea nesta materia falará o doutor Andreu Palou, catedrático da Universidad de las Islas Baleares.Finalmente, o punto de vista empresarial chegará da man dos doutores Valter Lombardi, da compañía Ebiotec S.A., e Juristo Fonollá, de Biosearch Life S. A.

A asistencia ao seminario é gratuíta e os interesados poderán formalizar a súa inscrición na web do CETMAR (www.cetmar.org/Seminario/AplicacionesBiomedicas/Inscripcion.asp).

Os socios do proxecto MAIA, no que participa o CETMAR, organizan a I Conferencia da Rede de Áreas Marinas Protexidas do Arco Atlántico

By | What's new | No Comments

Os socios do proxecto MAIA, no que participa o Centro Tecnolóxico do Mar-FundaciónCETMAR a través da Consellería do Medio Rural e do Mar, organizan a I Conferencia da Rede de Áreas Marinas Protexidas do Arco Atlántico, que terá lugar do 3 ao 7 de decembro no palacio de Congresos de Arcachon (Francia).

O evento está promovido pola Agences des aires marines protegées, líder do proxecto “Marine protected areas in the Atlantic arc”, e o seu obxectivo é a posta en marcha dunha rede de áreas mariñas protexidas no arco Atlántico coa colaboración dos profesionais e institucións con experiencia neste ámbito. A conferencia será ademais unha oportunidade cara ao lanzamento da rede MAIA, extendéndoa ao Atlántico no seu conxunto.

A inscrición é gratuita e debe formalizarse na web de MAIA (http://www.maia-network.org/homepage/calendar/367_479/first_conference_of_the_atlantic_arc_marine_protected_areas_network) onde é posible atopar tamén maior información sobre o evento.

Pescadores de El Salvador intercambian experiencias con profesionais galegos do sector no marco dun proxecto de cooperación no que participa o CETMAR

By | What's new | No Comments

Pescadores de El Salvador percorrerán dende hoxe a costa galega para coñecer experiencias no eido da pesca tradicional, o marisqueo, a acuicultura ou o turismo mariñeiro.

A actividade encádrase no proxecto de cooperación a prol da pesca artesanal e sostible que a Asemblea de Cooperación pola Paz promove na rexión salvadoreña do Bajo Lempa, xunto co Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e co apoio da ONG local Cordes. Esta iniciativa está a ser cofinanciado pola Xunta de Galicia e conta ademais coa colaboración da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), que  participa dentro das actividades de sensibilización.

A estadía en Galicia dos dous pescadores e do representante de Cordes iniciouse esta mañá na sede do CETMAR en Vigo cunha charla sobre as organizacións do sector pesqueiro galego a cargo de persoal técnico da Fundación galega. Dende hoxe a ata o vindeiro 8 de novembro visitarán diferentes confrarías, lonxas, portos e depuradoras, así como o Instituto Galego de Formación en Acuicultura –IGAFA- ou o centro de formación A Aixola en Marín, que tamén xestiona o CETMAR.

Coñecer novas iniciativas que poidan adaptar ao seu contorno en O Salvador é o obxectivo desta xira que ao longo da semana levaraos a percorrer, entre outros puntos, Cambados, Lira, Vigo, Baiona y Cangas.