Tag

Sector Pesqueiro

Formación na Aixola

By | Novidades

O centro A Aixola amplía a súa oferta FORMATIVA para o sector pesqueiro con tres cursos novos e suma un total de oito en 2023

  • A programación, de carácter gratuíto, supón máis de 1.900 horas de formación e inclúe novas accións de restauración de embarcacións en madeira, de inglés técnico marítimo e de prevención de riscos na pesca

O Centro de Formación A Aixola, que xestiona a Consellería do Mar a través do Centro Tecnológico del Mar-Fundación CETMAR, amplía o seu programa formativo en 2023 con tres novos cursos, o que supón un total de oito. Estas accións, que se imparten na súa sede do porto de Marín, terán lugar entre os meses de febreiro e xuño e supoñen máis de 1.900 horas de formación de carácter gratuíto.

Destas formacións poderán beneficiarse tanto operarios do sector pesqueiro como pescadores e profesionais do marisqueo, cónxuxes destes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector pesqueiro. A inscrición para optar ás prazas ofertadas está xa aberta e pode facerse a través da páxina web.

Como cada ano, e antes de definir a programación, o Centro de Formación A Aixola analiza as propostas do seu alumnado e as demandas do sector para deseñar unha oferta formativa adaptada ás necesidades actuais.

O programa formativo da Aixola inclúe como novidades un curso de restauración de embarcacións en madeira, con 400 horas lectivas, entre febreiro e maio do vindeiro ano, e un curso de inglés técnico marítimo, que terá lugar en abril cunha duración de 90 horas. Tamén amplía o seu repertorio para ofrecer dúas sesións en prevención de riscos no sector pesqueiro, de 50 horas lectivas cada unha.

Ademais, seguirá programando formacións ofertadas anteriormente, coma o curso de confección e mantemento de artes e aparellos de pesca, que permite a obtención do correspondente Certificado de Profesionalidade, o curso de velería e acastillaxe, o de Modelado Manual en Poliéster ou o de Instalacións Eléctricas para pequenas embarcacións de motor. Esta formación compleméntase con cursos de busca de emprego e autoemprego para favorecer a inserción laboral de todo o alumnado.

A especialidade do centro dependente da Consellería do Mar, cunha actividade cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), é o ensino baseado no traballo, combinando a preservación do coñecemento tradicional coa innovación. A metodoloxía, centrada no aprendiz e nas súas necesidades, é eminentemente práctica e permite unha formación sólida que deriva en altas taxas de inserción laboral do alumnado.