Tag

mar de piura

Capacitación Perú

Por | Novedades | Ningún comentario

CETMAR impulsa no Perú a mellora da produción de semente e o fortalecemento das capacidades técnicas dos seus acuicultores

  • O proxecto MAR de Piura está financiado por Cooperación Galega e desenvolvido por CETMAR en coordinación con PRODUCE, FONDEPES e as Organizacións Sociais de Pescadores e Acuicultores (OSPAS) de Sechura.
  • A primeira capacitación desenvolverase do 1 ao 5 de decembro no Centro de Acuicultura La Arena, en Casma, Perú.
Concha de abanico

O Centro Tecnolóxico do Mar–Fundación CETMAR, no marco da política de Cooperación Galega da Xunta de Galicia, impulsa en Perú o proxecto MAR de Piura, unha iniciativa de cooperación internacional orientada a incrementar a sustentabilidade da cadea de valor asociada ao medio pesqueiro e acuícola na rexión de Piura. O programa desenvólvese en coordinación co Ministerio da Produción de Perú (PRODUCE) e co Fondo Nacional de Desenvolvemento Pesqueiro (FONDEPES), co obxectivo de fortalecer as iniciativas empresariais situadas na Baía de Sechura e reforzar os mecanismos de gobernanza para aumentar a súa capacidade de adaptación fronte aos efectos do cambio climático.

O proxecto estrutúrase arredor de tres grandes liñas de traballo. A primeira céntrase na mellora da cadea produtiva da cuncha de abanico na Bahía de Sechura, mediante o reforzo das capacidades técnicas das OSPAS para a produción e manexo de semente en laboratorio, o que permitirá avanzar cara sistemas de cultivo máis eficientes e resilientes fronte aos efectos do cambio climático.

A segunda liña orientase ao fortalecemento dos procesos de comercialización liderados por mulleres, apoiando a súa profesionalización co fin de reducir a súa vulnerabilidade no plano económico. Finalmente, a terceira liña de traballo céntrase no reforzo institucional, promovendo a capacitación do persoal técnico das entidades públicas vinculadas á acuicultura e ao turismo mariñeiro, así como o impulso de espazos de coordinación que permitan formular modelos de produción e iniciativas de turismo vivencial coherentes coa conservación ambiental e coa diversificación económica da rexión.

Primeira acción do proxecto: capacitación técnica para OSPAS en Casma do 1 ao 5 de decembro

Como primeiro fito operativo da intervención, entre os días 1 e 5 de decembro celebrarase unha capacitacón intensiva dirixida a técnicos das OSPAS sobre protocolos de mantemento, limpeza e optimización do ciclo produtivo da cuncha de abanico en fase de hatchery e pre-engorde.  Esta acción busca reducir a dependencia da captación natural, cada vez máis afectada polo cambio climático.

Participarán representantes das OSPAS AREMAR, Sec Yurac e Aquaseed asi como estudantes do Instituto Ricardo Ramos Plata de Sechura, seleccionadas polo seu alto interese en avanzar cara un sistema máis sostible de aprovisionamento de semente.

Ao longo das sesións, os participantes profundizarán na selección e acondicionamento de reprodutores, no cultivo de fitoplancto e no control sistemático da calidade da auga. Tamén se afondará nos protocolos de limpeza, desinfección e prevención sanitaria, así como nas técnicas de manexo e manipulación de larvas e sementes.

Outro dos aspectos importantes a traballar é a protocolización das distintas etapas do cultivo en laboratorio e o correcto rexistro e análise dos datos produtivos, co obxectivo de asegurar procesos máis eficientes e estandarizados.