Tag

FAO

Cooperación Internacional

By | Novidades | No Comments

A Fundación CETMAR colabora coa FAO na profesionalización do sector pesqueiro de São Tomé e Príncipe

  • O Centro Tecnolóxico do Mar traballará no recoñecemento das competencias profesionais dos pescadores e no deseño de dúas embarcacións adaptadas ás necesidades da pesca artesanal na zona, no marco do programa FISH4ACP ‘Desbloqueando o potencial da pesca e da acuicultura en África, no Caribe e no Pacífico’
  • Dous expertos da fundación galega participan nunha misión no país centroafricano para realizar o traballo de campo e coñecer de primeira man a labor dos pescadores e as condicións ambientais da actividade pesqueira
  • A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura executa esta acción con financiamento da Unión Europea e do Ministerio Federal de Cooperación Económica e Desenvolvemento de Alemaña

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR colaborará coa Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación-FAO nun programa para mellorar o sector pesqueiro de São Tomé e Príncipe a través da profesionalización dos pescadores e a optimización das súas embarcacións.

O traballo, que leva a dous expertos da institución dependente da Consellería do Mar ata ao país centroafricano, enmárcase dentro do programa FISH4ACP, “Desbloqueando o potencial da pesca e da acuicultura en África, no Caribe e no Pacífico”, que busca facer máis sostibles as cadeas de valor da pesca e da acuicultura.

No caso de São Tomé e Príncipe, a estratexia pasa, entre outras accións, por desenvolver e fortalecer as capacidades e a organización dos actores e incrementar as infraestruturas e equipos do sector pesqueiro, unha labor que corre a cargo dos técnicos da área de Cooperación Internacional da Fundación CETMAR, que prestará este servizo á FAO.

Tras unha revisión bibliográfica e reunións previas cos responsables do programa da FAO e institucións relevantes no ámbito da pesca, como a Direção das Pescas e Aquicultura, dous expertos do Centro Tecnolóxico do Mar viaxan agora a São Tomé e Príncipe para o traballo de campo.

O obxectivo e coñecer as condicións de traballo dos pescadores e palaiês (comercializadoras de peixe), a súa labor e os perfís profesionais necesarios para levala a cabo, ademais de analizar as condicións nas que se desenvolve a actividade pesqueira e visitar diferentes estaleiros. Durante a misión en terreo, estarán apoiados en todo momento polos técnicos da ONG local Mar, Ambiente e Pesca Artesanal (Marapa), con notable experiencia na zona.

A misión desenvolverase entre o 30 de setembro e o 4 de outubro e incluirá reunións de traballo con representantes das institucións e administracións con competencias no ámbito pesqueiro de São Tomé e Príncipe.

O obxectivo xeral do traballo a desenvolver polo Centro Tecnolóxico do Mar é promover o recoñecemento das competencias laborais adquiridas polos profesionais pesqueiros no desempeño da súa labor e sentar as bases dos programas de cualificación profesional cara a unha inserción laboral satisfactoria, ampliando as competencias básicas dos pescadores artesanais.

Así mesmo, CETMAR traballará na identificación de necesidades, no deseño e na definición de solucións construtivas para a construción de dous prototipos de embarcacións para actividades de pesca artesanal que cumpran os criterios de ergonomía e seguridade e adaptadas ás artes de pesca da zona, preservando a identidade cultural das comunidades pesqueiras de São Tomé e Príncipe.

O programa FISH4ACP no que se enmarca o traballo encargado por FAO á fundación galega está financiado pola Unión Europea e polo Ministerio de Cooperación Económica e Desenvolvemento (BMZ) de Alemaña.

Congreso Conxemar-FAO

By | Eventos | No Comments

CETMAR presenta un estudo sobre a evolución dos informes Sofia da FAO respecto ao estado mundial da pesca e a acuicultura

  • O informe elaborado polo Centro Tecnolóxico do Mar para a Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e  Acuicultura-Conxemar inclúe recomendacións para o sector galego e nacional
  • O congreso, que se celebrará un día antes do inicio da feira internacional Conxemar no recinto feiral vigués, terá nesta edición como eixe central o informe bienal da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR presentará as conclusións dun estudo sobre o Informe SofIa da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación-FAO, sobre a súa evolución, as conclusións máis relevantes e as oportunidades e recomendacións de maior interese para o sector galego e español de produción e transformación de produtos da pesca.

A presentación forma parte da axenda do 12º Congreso Internacional Conxemar-FAO que se celebra en Vigo o vindeiro 30 de setembro como antesala á 25ª Feira Internacional dos Produtos do Mar Conxelados-Conxemar, e correrá a cargo de Rosa Chapela Pérez, coordinadora da área de Socioeconomía da Pesca de CETMAR, quen intervirá xunto a Audun Lem, director adxunto de pesca e acuicultura da FAO.

Elaborado precisamente para a Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e  Acuicultura, o estudo de Cetmar destaca a evolución e os aspectos máis importantes de cada Informe Sofia, así como o impacto e interesa que poidan ter para Conxemar e os seus asociados.

Coincidindo co feito de que o Congreso Conxemar está dedicado este ano aos 25 anos do  Informe Sofia, o traballo elaborado pola fundación dependente da Consellería do Mar  analizou en profundidade os informes previos da FAO, aportando conclusións sobre a evolución dos seus contidos así como oportunidades e recomendacións a ter en conta polo sector galego e nacional.

O estudo dedica especial atención aos apartados de transformación azul máis centrados no valor engadido dos produtos acuáticos, e que leva a devandita transformación á acción ou aplicación práctica, integrando sostibilidade, equidade social e crecemento económico.

O papel da acuicultura, o fortalecemento da pesca costeira artesanal, a colaboración internacional e a innovación tecnolóxica,  e a economía circular e a adaptación ao cambio climático son outros aspectos e tendencias emerxentes que, nun marco global de transformación azul, destaca o informe elaborado polo Centro Tecnolóxico do Mar.

A 12ª edición do Congreso Internacional Conxemar-FAO reunirá neste 2024 en Vigo a expertos do sector que analizarán os retos e oportunidades actuais da industria transformadora e comercializadora de produtos do mar e o seu compromiso coa sostibilidade. Será o 30 de setembro a partir das 10:00 horas, trala apertura institucional.