Tag

Cooperación internacional

Cooperación e transferencia de coñecemento

By | Novidades | No Comments

CETMAR e FAO unen forzas para mellorar a seguranza das embarcacións de pesca artesanal en São Tomé e Príncipe

  • O Centro Tecnolóxico do Mar lidera unhas xornadas técnicas para avaliar a estabilidade e seguridade na navegación de dous prototipos de embarcacións construídos en estaleiros locais
  • A acción enmárcase no programa FISH4ACP, que promove o desenvolvemento sostible das cadeas de valor da pesca e da acuicultura en África, Caribe e Pacífico

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR pon en marcha esta semana as últimas probas dun proxecto moi especial: renovar e facer moito máis segura a navegación dos pequenos barcos da pesca artesanal  en São Tomé e Príncipe. Con este paso, CETMAR contribúe a protexer a vida dos mariñeiros locais no seu día a día no mar.

A actividade céntrase na avaliación da estabilidade e seguridade na navegación dos dous prototipos de embarcacións de pesca artesanal de arredor de 6 metros que foron construídas en materiais diferenciados: un en contrachapado mariño e outro en fibra de vidro.

Construídas nos estaleiros locais con apoio formativo de dous expertos en carpintería naval e composites  de CETMAR, estas embarcacións serán sometidas a unha axenda de tres días de ensaios rigorosos no mar para comparar a súa estabilidade e o seu rendemento técnico e operativo.

Durante estas xornadas, o equipo técnico de Cetmar, conformado por un técnico e un enxeñeiro naval e oceánico, xunto con pescadores e representantes do socio local, a ONG MARAPA, realizarán as probas regulamentarias de acordo á lexislación internacional de estabilidade e navegabilidade. O obxectivo é garantir a máxima seguridade dos pescadores artesanais ante condicións de carga extrema ou manobras críticas coas artes de pesca.

O procedemento técnico supervisado polo enxeñeiro naval e oceánico desprazado a terreo polo CETMAR,  divídese en dúas etapas fundamentais. Por unha banda, a proba de estabilidade e inclinación en seco, mediante a que se pretende determinar con exactitude o centro de gravidade da embarcación. Para iso, realizarase a simulación da embarcación totalmente cargada, distribuíndo pesos calibrados sobre a cuberta.

A segunda das probas é a mar ou navegación activa, cando a embarcación sae a navegar en mar aberto executando distintas manobras para avaliar a súa estabilidade dinámica e o comportamento do casco cargado.

Os resultados destas avaliacións servirán para validar os prototipos e introducir, se fose necesario, melloras no seu deseño, contribuíndo así á modernización progresiva da frota artesanal do país e ao reforzo da seguridade das persoas que desenvolven a súa actividade no mar.

Ademais da mellora das embarcacións, esta iniciativa contribúe á transferencia de coñecemento técnico aos estaleiros locais e ao fortalecemento das capacidades nacionais para a construción e mantemento de embarcacións máis seguras, eficientes e adaptadas ás necesidades do sector.

O programa FISH4ACP, no que se enmarca esta actuación, está financiado pola Unión Europea e polo Ministerio Federal de Cooperación Económica e Desenvolvemento de Alemaña (BMZ) e é executado pola FAO en colaboración con socios nacionais e internacionais.

Intercambio sobre a recolección de algas

By | Novidades | No Comments

CETMAR organiza un novo intercambio de experiencias entre persoal técnico de República Dominicana, Costa Rica e Galicia centrado na recollida do sargazo

  • O obxectivo da actividade, enmarcada no proxecto PreMiSa, é a transferencia de coñecementos sobre os sistemas de recolección de algas utilizados en Galicia e as posibilidades de adaptación a ambos países

O Centro Tecnolóxico do Mar ven de organizar un novo intercambio de experiencias entre persoal técnico de República Dominicana, Costa Rica e Galicia (España), que terá lugar do 31 de agosto ao 4 de setembro, e que nesta ocasión estará centrado nos sistemas de recolección de algas en Galicia.

Este intercambio é o segundo que desenvolve CETMAR no marco do proxecto PreMiSa “Mecanismos de Prevención e Mitigación das arribazóns de Sargazo en Costa Rica e República Dominicana mediante o fortalecemento da gobernanza e a investigación”. O primeiro tivo lugar no mes de maio e permitiu a outros cinco expertos intercambiar experiencias sobre o análise, tratamento e valorización do sargazo.

PreMiSa está financiado polo  Programa Rexional de Medio Ambiente e Cambio Climático da Cooperación Española en América Latina e o Caribe (ARAUCLIMA) e coordinado polo Centro de Investigación en Ciencias del Mar y Limnología de la Universidad de Costa Rica (CIMAR). CETMAR actúa como consultoría especializada para a realización de actividades en Galicia e en materia de innovación tecnolóxica.

O obxectivo da actividade de intercambio que se vai celebrar é a transferencia de coñecementos entre persoal técnico de República Dominicana, Costa Rica e España, coa finalidade de desenvolver equipamentos innovadores para a recollida do sargazo en terra e no mar, especificamente deseñados para este fin, cun alto rendemento, costes asumibles e baixo impacto ambiental.

Neste sentido, Galicia conta cunha ampla experiencia no deseño e posta en marcha de mecanismos innovadores para a recollida de algas de arribazón. Para esta transferencia de coñecementos, CETMAR conta coa participación da Lonxa de Campelo, que xa puxo en práctica varias iniciativas para dar solución á problemática da arribazón de algas nas áreas das confrarías coas que traballa.

En base aos resultados obtidos a raíz deste intercambio, as institucións socias do proxecto PreMiSa traballarán no deseño e construción dunha mellora tecnolóxica, fomentando a incorporación de tecnoloxías innovadoras de recolección do sargazo, sostibles e amigables co medio ambiente, e que permitan unha valorización posterior óptima e adaptada ás condicións de República Dominicana, que é onde se propón a súa  aplicación.

Unha visita ao Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR na mañá do próximo luns 31 de agosto suporá o inicio do programa previsto, que se prolongará ata o venres 4 de setembro e que, ademais do intercambio de coñecementos na lonxa de Campelo, incluirá visitas a outras confrarías e a empresas relacionadas coa temática do intercambio, como Ecocelta e Demaux Manufacture.

Xira Galicia El Salvador

By | Novidades

Galicia comparte o seu modelo de xestión marisqueira con profesionais e mandatarios de El Salvador

  • Unha delegación de El Salvador visita Galicia para coñecer a experiencia galega en xestión pesqueira
  • O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR acompañará do 26 ao 30 de xaneiro a unha delegación institucional de El Salvador nunha visita técnica a Galicia centrada no intercambio de experiencias en xestión e ordenación pesqueira, con especial atención á regulación do sector marisqueiro.

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR acompañará do 26 ao 30 de xaneiro a unha delegación institucional de El Salvador nunha visita técnica a Galicia orientada ao intercambio de coñecementos e experiencias en materia de xestión, ordenación e gobernanza pesqueira, con especial atención ao sector marisqueiro.

A delegación, integrada por catro persoas, está composta por representantes da Dirección General de Desarrollo de la Pesca y la Acuicultura (CENDEPESCA), do Comité Directivo do Fideicomiso PESCAR e da Confederación Salvadoreña de Pesca, Acuicultura y Agropecuaria en Pequeña Escala (CONFESPESCA de R.L.).

A visita enmárcase no servizo técnico promovido pola Asociación para a Cooperación pola Paz (ACPP) “Deseño e implementación dunha xira internacional de intercambio en Galicia, para coñecer experiencias relevantes en xestión e ordenación pesqueira”, coordinado e desenvolvido por CETMAR, e impulsado polo Programa Abraza tu Mar, que nace como continuidade do Plan Integral de Apoio ao Sector da Pesca Artesanal Salvadoreña, financiado por la Xunta de Galicia desde 2019, que ao mesmo tempo se enlaza coa estratexia da AECID no marco do Convenio Manos que Alimentan.  

O obxectivo desta visita é promover unha visión compartida sobre sustentabilidade, inclusión social e fortalecemento institucional no ámbito pesqueiro artesanal. O programa está especialmente focalizado na mellora da regulación do sector marisqueiro en El Salvador, a partir do coñecemento de modelo galego.

Ao longo da semana, a delegación salvadoreña manterá encontros con diferentes entidades públicas e privadas vencelladas á cadea mar-pesca. As actividades previstas inclúen encontros coa directiva de CETMAR e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

O programa complétase con visitas a confrarías de pescadores e lonxas, onde se abordarán aspectos como a organización do marisqueo, os procedementos de control e venda, a trazabilidade e a valorización do produto; a empresas da cadea de valor pesqueira e da transformación, para coñecer experiencias en manipulación, elaboración e comercialización; así como a iniciativas vinculadas á conservación e restauración de bancos marisqueiros, á cultura marítima e ao turismo pesqueiro como ferramenta de diversificación económica.

Ademáis, o programa da visita incorpora aspectos relacionados coa innovación tecnolóxica a partir do deseño e construción de embarcacións, adaptadas ás necesidades do sector pesqueiro artesanal de El Salvador.  

Con esta acción, CETMAR reafirma, a través da área de Cooperación Internacional, o seu papel como entidade de referencia na cooperación técnica, facilitando espazos de transferencia de coñecemento e contribuíndo ao fortalecemento das capacidades institucionais e sectoriais en países socios.

Cooperación no Caribe

By | Novidades | No Comments

CETMAR participa nunha misión en Costa Rica no marco dun programa para mellorar e ampliar as capacidades do sector pesqueiro no uso de artes de pesca respectuosas co medio ambiente

Un técnico do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR participa estes días nunha misión en Costa Rica no marco do programa “Adelante2”, cuxo obxectivo é mellorar e ampliar as capacidades do sector pesqueiro costarricense no uso de artes de pesca respectuosas co medio ambiente.

Financiado polo Fondo de Cooperación Triangular Unión Europea-Costa Rica, América Latina e o Caribe, liderado polo Instituto Nacional de Aprendizaxe (INA) do país caribeño e coa participación do Instituto do Mar de Perú (IMARPE), este programa afronta a súa fase final cunha capacitación ás comunidades pesqueiras de Palito e Montero de Illa Chira y Manzanillo de Limón, no Caribe.

O obxectivo desta acción, na que participa a coordinadora da área de Cooperación Internacional de CETMAR, Guadalupe Martín Pardo, en formar aos participantes en temas claves como as artes de pesca selectivas, a trazabilidade dos produtos pesqueiros, a economía circular, a pesca responsable e a pesca fantasma.

Para elo desenvolverase un obradoiro de catro días que será impartido polos técnicos do Instituto Nacional de Aprendizaxe de Costa Rica que meses atrás participaron a súa vez en sendas pasantías formativas en España, da man de CETMAR, e en Perú, da man do IMARPE, ambas relacionadas coas temáticas descritas.

A formación ás trinta persoas que están participando nestes talleres está sendo supervisada pola técnico de CETMAR nos ámbitos relacionados coa trazabilidade dos produtos pesqueiros, a pesca responsable ou a economía circular, e por un técnico do IMARPE peruano.

A misión, que se prolongará ata o 1 de marzo, contempla unha reunión co presidente executivo do INA, co ministro do Mar e con funcionarios do Fondo de Cooperación Triangular Unión Europea-Costa Rica-América Latina e o Caribe, na que os representantes de cada unha das tres institución implicadas no proxecto (CETMAR, INA e IMARPE) presentarán os resultados do mesmo.