A Xunta presenta os resultados dos traballos realizados para a xestión da mexilla no marco do proxecto Apromex, no que participa CETMAR
- A Consellería do Mar está a impulsar diversas iniciativas co obxectivo de garantir a sustentabilidade e o desenvolvemento deste recurso acuícola estratéxico
- Nesta iniciativa participan o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e céntrase na análise da poboación de semente de mexillón e a súa xestión
O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar, acolleu hoxe unha xornada de presentación dos avances alcanzados no proxecto Apromex e na que tamén se deron a coñecer outras actuacións promovidas pola Consellería do Mar coa finalidade de fomentar o intercambio de coñecemento.
No evento estivo presente o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, quen destacou a importancia do sector mexilloeiro en Galicia, e o seu papel fundamental para a economía e a identidade da comunidade. Tamén subliñou a aposta do Goberno galego pola innovación e a colaboración entre as institucións, a ciencia e o sector produtivo como o mellor camiño para enfrontar os desafíos actuais e futuros.
Así, Antonio Basanta puxo en valor que a Consellería do Mar está a impulsar diversas iniciativas co obxectivo de garantir a sustentabilidade e o desenvolvemento deste recurso acuícola estratéxico. Estas actividades, coordinadas polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) contan ademais co apoio de centros como CETMAR e a Universidade de Vigo e están cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA).
Neste contexto é no que está enmarcado o proxecto Apromex, liderado pola Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a través do CIMA e co apoio técnico de CETMAR, centrado na análise da poboación de semente de mexillón e a súa xestión. Nesta anualidade continuouse cun gran esforzo en actividades de mostraxe para avaliación do estado do recurso na rocha. Así, neste evento amosáronse os porcentaxes de mexilla na rocha ao longo da costa de galega, incluíndo os obtidos nas mostraxes previas á campaña de extracción de semente de mexillón deste ano.
A información, accesible a través dunha sinxela ferramenta de consulta, facilitará ao sector a planificación das súas actividades de extracción, baseándose nun coñecemento máis detallado da distribución do recurso.
Outras iniciativas
Ademais dos avances no marco de Apromex, durante a xornada presentáronse outras iniciativas relevantes impulsadas pola Consellería do Mar como a mostraxe semanal de larvas nas rías galegas, iniciativa dirixida polo CIMA e desenvolvida polo CINBIO da Universidade de Vigo e cuxos informes se poden consultar a través da páxina web de Intecmar. Tamén o proxecto Capacitamex liderado polo CETMAR para a transferencia de resultados das iniciativas impulsadas pola Consellería ás asociacións de produtores de mexillón, e a información para o sector contida na plataforma de Pescadegalicia presentada por NUNEGAL consulting.
En relación á mostraxe semanal de larvas de mexillón, presentarase Información sobre a presenza de larvas de moluscos en determinadas estacións fixas situadas nas rías galegas, incluído o mexillón. Proximamente habilitarase unha nova ferramenta de consulta desta información na páxina web de Apromex que simplificará a análise dos actuais informes semanais.
Espazo de intercambio
Esta cita reuniu a produtores, técnicos e investigadores e permitiu tanto coñecer novidades asociadas ao sector como discutir as estratexias e solucións que se están explorando para garantir a sustentabilidade e o desenvolvemento continuo do sector. A xornada non só constituiu un espazo para compartir resultados, senón tamén para fornecer o diálogo entre o tecido produtor, as administracións e o sector da investigación.