EventosNovidades

Semana Marítima Mundial

By 12 Marzo, 2025 No Comments

A directora do CETMAR falará sobre economía azul na World Maritime Week, que reúne en Bilbao aos líderes mundiais da industria marítima

  • Rosa Chapela presentará dous relatorios, un nunha sesión transversal e outro no Eurofishing, un dos catro congresos que se celebrarán do 19 ao 21 de marzo no marco da Semana Marítima Mundial
  • Este foro marítimo, que se desenvolverá no Bilbao Exhibition Centre, reúne cada dous anos aos principais actores e expertos co fin de tecer alianzas internacionais, compartir información e facer fronte aos desafíos do sector

A directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, Rosa Chapela Pérez, presentará dous relatorios na World Maritime Week, que se desenvolverá en Bilbao do 19 ao 21 de marzo,  e que será punto de encontro dos principais actores da industria marítima mundial.

Este foro marítimo reúne cada dous anos a profesionais do sector co obxectivo de establecer alianzas internacionais, compartir información e abordar novos retos do sector. Para elo están programados catro congresos internacionais, ademais dun área de exposicións e dun espazo para o traballo en rede.

O programa de conferencias estará liderado por profesionais da industria marítima, que compartirán a súa experiencia e coñecemento e abordarán a perspectiva do sector marítimo nos próximos anos para os subsectores da construción naval (Sinaval), a industria pesqueira (Eurofishing), a industria portuaria (Futureport) e as enerxías renovables mariñas (Marine Energy Week).

A primeira das intervencións da directora do CETMAR terá lugar o día 19 ás 09:40 horas  da mañá, cando participará na primeira das sesións transversais previstas nesta Semana Marítima Mundial, e que estará centrada na economía azul para o desenvolvemento sostible.

Rosa Chapela, que participa ademais como representante do grupo de traballo da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM), compartirá mesa de debate co director de Tecnoloxía Mariña de AZTI, Julien Mader; co presidente da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (ICCAT), Ernesto Penas, e con Óscar Gómez, xerente de Aclunaga.

Xa no marco do congreso Eurofishing, a directora-xerente do CETMAR volverá a intervir ese mesmo día, ás 11:30 horas, nun relatorio titulado “Proteína Azul: unha cuestión de Seguridade e Soberanía Alimentaria (perspectiva internacional)”, e no que volverá a debater xunto ao presidente da ICCAT, Ernesto Penas.

Leave a Reply