Novidades

Proxecto Sol-Ouxa

By 24 Marzo, 2025 No Comments

CIMA e CETMAR conclúen o estudo preliminar sobre a presenza da ouxa no litoral galego e sentan as bases dun futuro proxecto Redemar

  • Na elaboración do documento participaron a Federación Galega de Confrarías de Pescadores e a Unidade Técnica de Pesca (UTPB)
  • O obxectivo foi coñecer o estado actual das poboacións de ouxa no litoral de Galicia

O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) concluiu o estudo preliminar sobre a presenza da ouxa no litoral galego, un traballo no que contou coa colaboración do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e que senta as bases da folla de ruta a seguir neste eido para a posta en marcha dun futuro proxecto Redemar.

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, acompañada pola directora do CETMAR, Rosa Chapela, asistiu ao acto no que se deu conta desta iniciativa, na que, segundo apuntou o director do CIMA, Carlos Gabín, se leva traballando sete meses en colaboración coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores, a Unidade Técnica de Pesca de Baixura (UTPB) e o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), ademais de contar coas achegas das confrarías de pescadores.

Para a elaboración deste estudo previo integrouse o coñecemento investigador dos técnicos da administración con experiencia no sector pesqueiro e marisqueiro. O obxectivo, entre outros, era coñecer a percepción do sector sobre esta especie pero, sobre todo, poder planificar actividades que permitan coñecer o comportamento e a abundancia, e nun futuro non moi lonxano contar con ferramentas que permitan avaliar e cuantificar o impacto que esta especie provoca sobre os bancos marisqueiros.

Como parte importante deste estudo realizáronse 60 enquisas remitidas desde 10 pósitos, tarefa que se completou con varias entrevistas a colectivos e se finalizou o pasado mes de febreiro cun obradoiro de traballo en Arcade.

O obxectivo era afondar no comportamento desta especie e obter información suficiente que permita adoptar medidas de xestión e convivencia entre a actividade do sector e as poboacións naturais desta especie.

Alcanzar estes obxectivos implicará a monitorización dos cardumes de ouxas través dunha rede de observación que proporcione información sobre os patróns de mobilidade, o rexistro e cuantificación dos avistamentos, as épocas e condicións ambientais que favorezan a súa presenza, os períodos de reprodución e a base da súa alimentación nas distintas idades de crecemento.

Toda esta información será necesaria para facer de xeito obxectivo unha análise das medidas que poidan axudar a mitigar o seu efecto sobre os bancos marisqueiros e abordar un estudo que permita cuantificar as perdas asociadas á incidencia das ouxas sobre a produción marisqueira.

Máis coñecemento

No transcurso do encontro, adiantaron que está previsto que o Instituto Español de Oceanografía (CSIC-IEO) se incorpore a este grupo de traballo, así como máis confrarías de pescadores, que serán o valor máis importante á hora de poder realizar as experiencias que se enmarcan dentro dun futuro proxecto Redemar que, probablemente, verá a luz a finais deste primeiro semestre de 2025.

Todos os avances serán trasladados aos sectores pesqueiro e marisqueiro a través de xuntanzas, obradoiros e documentación, na procura de atopar unha convivencia sustentable entre este peixe e a xente do mar.

Leave a Reply