Novedades

O CETMAR participa nun novo proxecto europeo para mitigar o impacto na industria e nos consumidores dos parásitos que afectan aos produtos da pesca

Mitigar o impacto de parasitos presentes en produtos da pesca europeos e de importación a través de novas solucións tecnolóxicas e ferramentas de xestión é o obxectivo xeral do proxecto PARASITE, unha iniciativa na que está a participar o Centro Tecnolóxico do Mar e que está financiada polo Sétimo Programa Marco de I+D da Unión Europea.

Durante os vindeiros tres anos, as áreas de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía e de Tecnoloxía dos Produtos Pesqueiros da Fundación CETMAR traballarán neste proxecto liderado polo Doutor Santiago Pascual, do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, e formando parte dun consorcio multidisciplinar integrado por outras once institucións de investigación europeas e tres asiáticas, así como por seis PEMEs europeas.

Os principais resultados de PARASITE materializaranse en avances cara a mellora da seguridade alimentaria, cos conseguintes beneficios para a saúde pública e a confianza do consumidor; no fortalecemento da competitividade dos produtos europeos da pesca “dende o barco ao prato” e na potencial repercusión que isto terá na mellora das políticas europeas de seguridade alimentaria.

A reunión inicial do proxecto tivo lugar os días 7 e 8 de febreiro na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo, onde se deron cita representantes das institucións que forman parte do consorcio PARASITE.

Xunto á Fundación CETMAR e ao CSIC son socios deste proxecto Comercial Hospitalaria Grupo 3, S.L.; Cooperativa de Armadores de Pesca del Puerto de Vigo; Larpro Engineering, S.L.; Agence Nationale de Securite Sanitaire; Central Luzon State University; Havstovan – Faroe Marine Research Institute; Hermes, S.A.; Institut za Oceanografiju i Ribarstvo (INSTITUTE of Oceanography and Fisheries); Institute for Biotechnology and Environment, Nha Trang University, Vietnam; Istituto Superiore di Sanita; Max Rubner-Institut; National Institute of Nutrition and Seafood Research; Nederlof’s Vishandel B.V.; Servicio Madrileño de Salud; Technet, S.A.; Universita di Tuscia-Viterbo; University of Aberdeen; University of Copenhagen e Zhejiang Ocean University of China.

Dejar un comentario