Novedades

O CETMAR e os seus socios no proxecto OYSTERECOVER organizan en Holanda un taller internacional sobre a produción en criadeiro de ostra plana

A produción de semente de ostra plana (Ostrea edulis) en criadeiro é o eixo central dun taller que terá lugar na localidade holandesa de Yerseke o vindeiro 31 de xaneiro, organizado polos socios do proxecto europeo Oysterecover, que coordina o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR.

Esta iniciativa, financiada polo Sétimo Programa Cadro, conta coa participación de quince organizacións europeas, entre elas outras catro de Galicia, como é o caso do Centro de Investigacións Mariñas-CIMA, da Universidade de Santiago de Compostela, da Confraría de Pescadores de Noia e da empresa depuradora José María Daporta Leiro e Hijos.

O principal obxectivo deste proxecto que lidera a Fundación CETMAR é contribuír á recuperación da produción de ostra plana mediante a utilización de ferramentas biotecnolóxicas que permitan, no futuro, a obtención de estirpes resistentes a bonamiose.

Nos anos 70 e 80 do pasado século, a produción de ostra plana veuse drasticamente reducida en toda Europa como consecuencia da sobreexplotación e de dúas patoloxías asociadas á presenza dos parasitos Martelia refringens e Bonamia ostreae. A pesar de térense probado diferentes estratexias de xestión dos bancos para facer fronte a este problema, só apareceron expectativas optimistas cando os avances na bioloxía e xenética permitiron que varias institucións de investigación europeas, e entre elas o CIMA, iniciaran procesos de selección de estirpes resistentes que deron resultados esperanzadores e que sentaron os precedentes para o desenvolvemento do Oysterecover.

Porén, dende o inicio do proxecto, a irregular dispoñibilidade de semente, derivada das dificultades atopadas na súa produción en criadeiro, foi identificada como un dos principais atrancos para o desenvolvemento de estratexias de recuperación, xa que a produción de Ostrea edulis depende, en grande medida, da captación de semente do medio natural.

Dado que este problema podería chegar a limitar o impacto dos avances acadados en Oysterecover, os socios do proxecto organizan un obradoiro específico que contará coa participación de reputados científicos expertos na materia así como de outros produtores alleos ó proxecto. Este taller pretende así converterse nun foro de discusión aberto e con forte participación do sector, o que permitirá trazar liñas de traballo prioritarias para o futuro inmediato e identificar posibilidades de colaboración.

Dejar un comentario