Novedades

O CETMAR colabora na mellora da seguridade alimentaria de Sao Tomé e Príncipe a través do fortalecemento do seu sector pesqueiro cun novo proxecto financiado pola UE

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR está a liderar un proxecto cara a fortalecer o sector pesqueiro en Sao Tomé e Príncipe, unha nova iniciativa de cooperación internacional financiada pola Unión Europea que pretende ademais repercutir nas condicións de vida sociais, económicas e nutricionais da poboación que depende deste sector.

“Fortalecemento da sociedade civil como estratexia de desenvolvemento económico e social no sector pesqueiro” é o título dun proxecto no que o CETMAR traballa xunto á Dirección Xeral de Pesca e o Programa Nacional de Alimentação e Saúde Escolar de Sao Tomé e Príncipe; o Programa Alimentario Mundial das Nacións Unidas; a ONG Marapa; o Instituto de Estudios del Hambre e a asociación ZATONA de apoio ao desenvolvemento de iniciativas locais.

As accións contempladas dentro desta iniciativa desenvolveranse dende este mes ata agosto de 2016 e o seu presuposto e de preto de medio millón de euros, cantidade financiada nun 75% pola Unión Europea.

Entre os obxectivos do proxecto está aumentar a participación de pescadores e vendedoras de peixe nas estratexias de desenvolvemento sectorial e nos procesos de toma de decisións mediante a súa organización previa, ademais de mellorar a capacitación destes profesionais nos ámbitos extractivo e de comercialización e de incrementar a súa rendibilidade económica. Finalmente preténdese promover o acceso aos produtos da pesca artesanal e garantir a seguridade alimentaria e a calidade nutricional dos mesmos.

A área de Cooperación Internacional da Fundación CETMAR ven colaborando co goberno de Sao Tomé e Príncipe no desenvolvemento do sector pesqueiro das illas dende o ano 2007 e a través de diferentes iniciativas.