Novedades

O Centro Tecnolóxico do Mar e os seus socios no proxecto FAROS presentan novas tecnoloxías cara a xestión dos descartes

Por 28 febrero, 2013 Ningún comentario

O Centro Tecnolóxico do Mar e os seus socios no proxecto FAROS presentarán novas tecnoloxías para optimizar a xestión dos descartes e ferramentas para minimizar a captura de especies non obxectivos. Será no transcurso dunha xornada que terá lugar mañá venres 1 de marzo en Santiago, na sede do Centro de Supercomputación de Galicia-CESGA.

Os investigadores e técnicos que participan nesta iniciativa europea darán conta do sistema BEOS, alta texnoloxía en visión artificial aplicada a buques de pesca; do sistema Red Boxes para a transmisión dos datos dos barcos aos portos e, finalmente, do xeoportal de descartes posto en marcha no seo deste proxecto para por en contacto á flota que os xera coas empresas que os valorizan. Esta xornada, organizada polo CESGA, dará comezo ás dez da mañá e finalizará a mediodía cunha mesa redonda.

Xunto á Fundación CETMAR participan no proxecto FAROS o Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC, que coordina esta iniciativa, ademais da Autoridade Portuaria de Vigo, o Instituto Español de Oceanografía, o Instituto de Investigaçao das Pescas e do Mar-IPIMAR de Portugal e Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

Financiado pola Unión Europea a través do programa LIFE, este proxecto  (www.farosproject.eu) ten como obxectivo xeral o desenvolvemento e posta en marcha dunha rede integral cara á xestión dos descartes da pesca baseada nun sistema global de información tanto na flota como en terra e que implique a todo o sector pesqueiro. Os seus socios, que contan ademais coa colaboración das empresas Marexi e ASM, levan traballando conxuntamente dende 2010. Os resultados definitivos presentaranse a finais do mes de marzo nun novo evento na sede do CETMAR.

Dejar un comentario