Novedades

O observatorio RAIA pon os seus produtos ao servizo das enerxías renovables mariñas e oceánicas nun seminario en Oporto

“A oceanografía operacional ao servicio das enerxías renovables mariñas e oceánicas” é o título do seminario que, organizado no marco do proxecto RAIA.co, terá lugar hoxe na cidade portuguesa de Oporto. O Centro Tecnolóxico do Mar–Fundación CETMAR participa nesta iniciativa da man doutras institucións de Galicia e do Norte de Portugal que veñen colaborando dende 2009 na creación e posta en marcha do Observatorio RAIA (www.marnaraia.com).

Nesta ocasión, o consorcio RAIA.co pretende presentar o observatorio e a oferta de produtos e servizos de información oceanográfica e meteorolóxica a representantes do sector das enerxías renovables mariñas tanto de Galicia como do Norte de Portugal, ámbito deste proxecto europeo financiado polo programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal.

O seminario servirá ademais para detectar o interese e as necesidades do devandito sector no que ten que ver coa observación e a predición do océano e, finalmente, definir e identificar unha proposta de produtos e servizos que poidan satisfacer a demanda das enerxías renovables mariñas e oceánicas.

O proxecto RAIA.co iniciábase en xaneiro do 2011 como continuación dos traballos levados a cabo ata entón en RAIA. O seu principal obxectivo é consolidar a oceanografía operacional na marxe ibérica e litoral da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, elo a través da posta en marcha dunha rede de observación e predición oceánica transfronteiriza e a creación de oportunidades científicas e tecnolóxicas que estimulen a economía de diferentes actividades ligadas ao mar.

A información derivada da devandita rede será útil e valiosa non só para os usuarios da costa en xeral, senón tamén para todas aquelas iniciativas que teñen como obxectivo a explotación das enerxías mariñas, que poderán beneficiarse dos servizos e produtos que o Observatorio RAIA ofrecerá adaptados as súas necesidades.

Ademais do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR participan nesta iniciativa a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Meteogalicia), que coordina o proxecto, e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia-INTECMAR, o Instituto Español de Oceanografía, o Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC, o Instituto Hidrográfico de Portugal e as universidades de Oporto e Aveiro.

 

Dejar un comentario