Novedades

Galicia e a investigación mariña

Por 8 agosto, 2025 Ningún comentario

Galicia lidera a investigación mariña con novos avances en ciencias do mar e economía azul

  • A Xunta analiza cos responsables do Programa de Ciencias Mariñas os avances e resultados acadados en Galicia
  • Observación mariña, acuicultura sostible e transferencia de coñecemento: pilares estratéxicos para o futuro do litoral galego
  • Resultados clave e ferramentas innovadoras para a xestión sostible, a resiliencia e a adaptación ao cambio climático

O equipo responsable da coordinación do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia reuniuse este martes na sede da Consellería do Mar coa conselleira, Marta Villaverde, para trasladarlle de primeira man os principais resultados a acadar e o impacto que as accións desenvolvidas terán tanto nos diferentes sectores vinculados ao Mar, como no reforzo do papel de Galicia como territorio líder no ámbito da investigación mariña a nivel estatal e europeo.

Entre os avances máis destacados presentados figuran o desenvolvemento dunha estratexias de observación e monitorización oceánica, apoiada, entre outras, en ferramentas de mapeo da información mariña como FARO e a Plataforma Big Data, que integra e procesa grandes volumes de datos con control de calidade e acceso unificado. Estes recursos consolidan o camiño cara a unha gobernanza baseada en datos e reforzan a sustentabilidade do litoral galego.

No marco desta estratexia, Galicia conta agora con novas ferramentas para optimizar a xestión do medio mariño e dos seus recursos, mellorar a resposta fronte a ameazas ambientais e anticiparse aos impactos do cambio climático. Entre elas destacan a plataforma integrada para a obtención automatizada de datos bioxeoquímicos instalada nos Duques de Alba da ponte de Rande na ría de Vigo, que complementa a rede de estacións oceano-meteorolóxicas do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia; os sistemas de detección de riscos e episodios de contaminación; as ferramentas para o seguimento da trazabilidade, calidade e seguridade dos produtos mariños; os modelos predictivos; os sistemas de alerta temperá; e os simuladores multiescala que sentan as bases do xemelo dixital mariño de Galicia.

No ámbito da acuicultura sostible, o Programa avanzou na creación de ferramentas xenómicas para mellorar a resistencia a enfermidades e a xestión de toxinas en especies como mexillón, ameixa e ostra, mediante chips multiespecie, protocolos de selección e software de análise xenética xa aplicables en criadeiros comerciais, así mesmo optimizouse a criopreservación e o cultivo larvario. Tamén se incorporaron técnicas moleculares avanzadas para a detección e seguimento de larvas no medio natural, favorecendo unha xestión máis eficiente dos recursos marisqueiros. No eido da acuicultura multitrófica (IMTA), valídanse sistemas offshore e de recirculación (RAS) baseados no cultivo integrado de peixes, macroalgas e bacterias beneficiosas, optimizando o uso de nutrientes e reforzando a resiliencia produtiva.

O Programa incorpora o ámbito das ciencias sociais para mellorar a comunicación, a transferencia de resultados e a avaliación do impacto socioeconómico das investigacións. Neste eido, destaca a construción do modelo Ocean Health Index (OHI), que permite identificar vulnerabilidades e conflitos de uso, así como a realización dunha análise Input-Output e dunha Matriz de Contabilidade Social, ferramentas que facilitan avaliar a interdependencia económica da pesca e integrar de maneira conxunta os efectos socioeconómicos e ambientais. No eido da transferencias na reunión presentáronse as conclusións da análise transversal das unidades de coñecemento do Programa potencialmente transferibles, que suman un total de 184, agrupadas nun catálogo de resultados —entre os que se inclúen informes, software, ferramentas, patentes e outros—, e que constitúen achegas clave do Programa para contribuír á construción dunha economía azul innovadora, resiliente e baseada no coñecemento.

Na xuntanza trasladouse á conselleira a invitación ao evento “Dos Avances ao impacto: II Encontro cos Sectores do Mar”, que terá lugar o 24 de outubro de 2025, dando continuidade ao primeiro encontro celebrado o 13 de decembro de 2024, ao que asistiron 239 persoas, das cales un 33 % pertencían a entidades externas ao Programa.

O encontro pechouse comunicando á conselleira que a reunión final a nivel estatal celebrarase os días 7, 8 e 9 de outubro en San Pedro de Pinatar (Murcia). Este encontro ofreceralle ao Programa de Ciencias Mariñas unha nova oportunidade para amosar a súa coordinación activa coas sete comunidades autónomas que integran o Plan Complementario ThinkInAzul, pechando o ciclo anual de seguimento e planificación conxunta tras un ano de intensa actividade en reunións periódicas e nos tres grupos de traballo creados en 2024.

Máis sobre o Programa de Ciencias Mariñas

O Programa de Ciencias Mariñas ten como finalidade mellorar a resiliencia e a xestión sostible dos ecosistemas e recursos mariños galegos, especialmente ante o cambio climático; impulsar a sustentabilidade e a innovación no sector pesqueiro e acuícola; e potenciar a transferencia de coñecemento ao tecido socioeconómico vinculado ao mar.

Este conta cun orzamento total de dez millóns de euros, dos que seis proceden do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos fondos Next Generation do Estado e os outros catro millóns son achegados pola Xunta de Galicia mediante o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e o novo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). A súa rede científica está formada por preto de catrocentos investigadores que integran as tres universidades galegas —A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo—, catro centros dependentes do CSIC e seis centros da comunidade, entre os que se atopan o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e MeteoGalicia.

Dejar un comentario