Cetmar impulsa en Perú o proxecto MARdePiura para fortalecer a economía azul e afrontar o cambio climático
- Financiada pola Xunta de Galicia a través de Cooperación Galega, Mar de Piura aposta pola innovación acuícola, a sustentabilidade da pesca artesanal e o liderado das mulleres na economía azul.

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, dependente da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, vén de firmar un novo convenio de colaboración ca Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para a implementacion do proxecto MARdePiura (Mulleres, Acuicultura e Reforzo Institucional para o Desenvolvemento Sostible da economía azul na Rexión de Piura), co obxectivo de contribuír á adaptación ao cambio climático da pesca artesanal e da acuicultura mediante unha estratexia centrada na diversificación e a sustentabilidade.
Financiado pola Xunta de Galicia a través de Cooperación Galega e co apoio do Ministerio da Produción (PRODUCE) peruano —a través da Dirección Xeral de Pesca Artesanal (DGPA) e de FONDEPES—, o proxecto dará continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos anos na Baía de Sechura, no noroeste de Perú, con iniciativas como Acuipesca, VerTyCe ou Aquavalora.
Nesta nova etapa, CETMAR traballará estreitamente coas Organizacións Sociais de Pescadores Artesanais (OSPAs) dedicadas ao cultivo da cuncha de abanico (Argopecten Purpuratus). O obxectivo é mellorar a sustentabilidade da cadea produtiva mediante a incorporación de sistemas de aprovisionamento de semente de laboratorio e o reforzo dos protocolos de boas prácticas. Esta liña de acción permitirá incrementar a eficiencia e garantir unha maior resiliencia da actividade fronte aos efectos do cambio climático, asegurando a conservación do recurso.
En paralelo, o proxecto continuará co acompañamento aos emprendementos liderados por mulleres en Sechura, dedicados á comercialización de produtos pesqueiros artesanais. A través da impartición de accións formativas e da elaboración de informes de prospección de mercados, será posible mellorar os estándares de calidade dos produtos ofrecidos e, ao mesmo tempo, favorecer o seu posicionamento en novos mercados.Desta maneira, preténdese mellorar os ingresos destas mulleres e reforzar o seu papel na economía azul local.
Finalmente, o proxecto tamén porá o acento no reforzo das capacidades técnicas das institucións públicas vinculadas tanto á acuicultura como ao turismo mariñeiro-pesqueiro. A través de accións formativas e mesas de coordinación interinstitucional, promoveranse medidas que favorezan a sustentabilidade do sistema produtivo acuícola e a creación de iniciativas de turismo vivencial sostible na rexión de Piura. Este compoñente aspira a diversificar a economía local e a xerar alternativas de desenvolvemento complementarias á pesca artesanal.
Con un orzamento de 106.848,77 euros, o proxecto busca incrementar a sustentabilidade da cadea de valor pesqueira e acuícola, xerar novas oportunidades de negocio e fortalecer a gobernanza institucional para afrontar os retos do cambio climático.
Cooperación Galicia–Perú
O proxecto MARdePiura reforza os estreitos vencellos establecidos entre Galicia e Perú, que contan cunha traxectoria de colaboración de máis de 20 anos. Desde o Plan Director 2006-2009, Perú foi considerado país estratéxico para a Cooperación Galega, unha relación que se mantén no vixente V Plan Director 2023–2026.
En 2004, a Xunta de Galicia e o Ministerio da Produción de Perú asinaron un Memorando de Entendemento sobre Cooperación Pesqueira e Acuícola, renovado en 2014 e que continúa a ser o marco de colaboración que posibilita proxectos como MARdePiura.