Novidades

Avances BlueWWater

By 18 Novembro, 2024 No Comments

O consorcio BlueWWater avanza no desenvolvemento de novos métodos para tratar e reducir os microplásticos e contaminantes emerxentes no medio costeiro entre Galicia e Portugal

O proxecto europeo BlueWWater, que coordina o Centro Tecnológico del Mar-Fundación CETMAR, avanza no seu obxectivo de controlar e reducir a presenza de microplásticos e contaminantes emerxentes, tanto en augas residuais urbanas como no medio costeiro entre Galicia e o norte de Portugal.

As institucións e entidades que traballan nesta iniciativa, cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa de Cooperación INTERREG VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, reuníronse o xoves día 7 de novembro no Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global (iARCUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) na terceira reunión de coordinación do consorcio, que deu conta da marcha do proxecto.

Durante o encontro, organizado polo Grupo de Investigación en Cromatografía e Quimiometría (ChromChem) da USC, os socios revisaron os avances no desenvolvemento e optimización de métodos para a avaliación de contaminantes e microplásticos, a punto de finalizar, e que permitirán a análise automatizada e estandarizada en mostras de auguas superficiais (fluviais e costeiras) e de augas residuais. Na validación deste novo método analítico, que se realizará por medio dun exercicio de intercomparación, participarán 12 laboratorios externos.

Ademáis desta actividade, que lidera a USC e na que participan o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño-INTECMAR, Aguas e Energía do Porto E.M. e o IEO-CSIC, o consorcio BlueWWater analizou os detalles da planificación e coordinación da primeira campaña de toma de mostras de auguas fluviais, costeiras e en Estacións Depuradoras de Augas Residuais (EDAR), e que se desenvolverá este mes en Galicia e na rexión norte de Portugal. A planificación destes mostraxes aliñouse coas directrices da recén aprobada Directiva de Tratamento de Auguas Residuais Urbanas.

Ao mesmo tempo, estase a avaliar a eficiencia de varios tratamentos piloto na eliminación de contaminantes e está previsto estudar o potencial de reutilización da augua tratada para o seu uso na agricultura e realizar un estudo de risco ambiental a partir de ensaios ecotoxicológicos, ao tempo que se traballa no desenvolvemento de modelos para avaliar a dispersión dos contaminantes no medio acuático.

Todas estas actividades están coordinadas pola Faculdade de Ciências da Universidade do Porto (FCUP), e contan coa participación de Águas e Energía do Porto, E.M. (AEdP), a Faculdade de Engenharia da Universidade do Porto (FEUP), IEO-CSIC, Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR) e o Centro Tecnológico del Agua (CETAQUA).

No que se refire ás actividades de educación ambiental e sensibilización programadas no marco de BlueWWater, produciuse un vídeo educativo que leva por título “O ciclo de vida do plástico”, celebráronse campañas de limpeza nos ríos Limia e Miño e colocouse unha ecobarreira en Ribeiro de S. Gonçalo (río Miño), entre outras actividades, algunhas enmarcadas no INTERREG Cooperation Day celebrado o 21 de setembro.

Red NOR-WATER

Pola súa banda, CETMAR lidera os esforzos para dinamizar e consolidar a rede NOR-WATER, que naceu dun proxecto anterior coa finalidade de constituir un foro de colaboración multidisciplinar público-privada na temática dos contaminantes de preocupación emerxente (CECs).

Os esforzos céntranse agora na elaboración dun catálogo de capacidades e oferta tecnolóxica, ao tempo que se está a deseñar unha páxina web que incluirá este catálogo, un mapa interactivo de capacidades e unha base de datos de documentación con proxectos e recursos sobre CECs.

Ademais de asistir á reunión de coordinación do proxecto, os socios de BlueWWater participaron durante a mañá do venres no obradoiro “Presente e futuro da contaminación do medio acuático por contaminantes emerxentes e microplásticos”, que tivo lugar no salón de actos do iARCUS da USC, coa participación de representantes de diferentes entidades relacionadas co ámbito científico e tecnolóxico.

Este workshop estivo organizado polo Grupo ChromChem da USC e iARCUS no marco do proxecto BlueWWater e en colaboración co proxecto NePMTune (Cara a protección da economía circular do auga fronte á ameaza que supoñen as sustancias químicas persistentes, móviles e tóxicas), financiado pola Axencia Estatal de Investigación e a Unión Europea a través dos fondos NextGeneration/PRTR.

O objetivo do obradoiro foi analizar os métodos e tecnoloxías para a determinación, tratamento e eliminación de contaminantes, así como os retos e desafíos da recente aprobación da nova Directiva de Tratamento de Augas Residuais Urbanas.

O relatores discutiron acerca dos desafíos que plantexa esta Directiva en relación á monitorización de contaminantes e á realización de estudos ecotoxicológicos e análises de impacto ambiental no medio acuático. Presentáronse estudos sobre a reutilización de auguas tratadas para o riego de cultivos, e abordáronse solucións para a eliminación de microcontaminantes con tratamentos cuaternarios en EDAR que permitan avanzar no obxectivo da neutralidade enerxética.

Sobre o consorcio BlueWWater

Xunto a CETMAR, que coordina o proxecto BlueWWater, forman parte do consorcio o INTECMAR, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Centro Galego de Investigacións do Auga-Cetaqua Galicia e o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC). Entre os socios portugueses atópanse as Facultades de Enxeñería e de Ciencias da Universidad de Porto, o Centro Interdisciplinar de Investigaçao Marinha e Ambiental-CIIMAR, Águas e Energia de Oporto E.M, o Aquamuseu de Vilanova de Cerveira e o Centro de Interpretación Medio ambiental de Viana do Castelo.

O consorcio conta ademais co apoio dun panel consultivo formado por Augas de Galicia, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Agência Portuguesa do Ambiente, Aguas del Norte S.A., Labaqua, S.A. e Viaqua Xestión Integral do Auga de Galicia.

Esta acción está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa de Cooperación INTERREG VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021-2027.

Leave a Reply