Novedades

CETMAR acolle un seminario sobre a creación de empresas biotecnolóxicas

Por 20 junio, 2011 Ningún comentario

“Creación de empresas de base biotecnolóxica no segmento da valorización de subprodutos e organismos mariños” é o título do seminario que vai ter lugar o 22 de xuño no Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo e que se desenvolve no marco do proxecto BIOTECMAR, “Explotación BIOTECnolóxica de produtos e subprodutos MARiños”, no que a institución galega traballa xunto a entidades de Portugal, España, Francia e Irlanda.

O obxectivo da xornada, que será inaugurada ás 10.30 horas pola directora da Fundación CETMAR, Paloma Rueda Crespo, é dar a coñecer as capacidades e instrumentos dispoñibles no noso ámbito para afrontar a creación de novas empresas de corte biotecnolóxico. Será a través de relatorios a cargo de representantes de entidades que traballan nese ámbito. Os asistentes poderán coñecer ademais de primeira man a experiencia exitosa dalgunhas empresas que se desenvolven no terreo da valorización de subprodutos e organismos mariños.

Trala apertura, Rafael Camacho Fumanal, director xeral da Fundación Genoma España, falará da importancia das empresas de base biotecnolóxica e spin-off como vector de transferencia tecnolóxica do laboratorio ao mercado. A continuación terá lugar un novo relatorio sobre subprodutos mariños na base da estratexia dunha empresa biotecnolóxica, a cargo de Xavier Ribas, representante de SEANERGY, empresa de capital catalán situada nas Illas Feroe e dedicada a valorización de subprodutos pesqueiros. Juan Velasco, director xerente de IUVENOR, pechará este bloque cunha charla sobre esta empresa biotecnolóxica dedicada á cosmética e que ten a súa base nas macroalgas.

O seminario culminará con dous novos relatorios esta vez enfocados cara ás ferramentas dispoñibles para acceder ao sector industrial biotecnolóxico. Así, Maite Cancelo Márquez, directora xeral de BIC Galicia, falará das iniciativas orientadas á formación, asesoramento e financiamento de empresas biotecnolóxicas. Finalmente, Lucía Cecilia, responsable de comunicación de ASEBIO (Asociación Española de Bioempresas), intervirá para presentar en Galicia a Plataforma de Mercados Biotecnolóxicos.

O proxecto BIOTECMAR, no que se enmarca este seminario, desenvólvese no programa de cooperación transnacional do Espacio Atlántico (2007-2013). O seu obxectivo e dar a coñecer e transferir ferramentas biotecnolóxicas e procesos de valorización ás empresas da Área Atlántica, contribuíndo á diversificación das actividades vinculadas á explotación e xestión sostible dos recursos mariños.

Enlaces:
www.biotecmar.eu