Novidades

Certificado profesional

By 31 Marzo, 2025 No Comments

O Centro de Formación A Aixola convoca unha nova edición do Curso de confección e mantemento de artes e aparellos, único en Galicia nesta modalidade

  • A formación, que permite obter un certificado profesional de nivel 2, conta cunha elevada taxa de inserción laboral, dada a alta demanda destes profesionais
  • As clases desenvolveranse na sede do centro no Porto de Marín entre abril e xullo, cunha duración total de 390 horas

O Centro de Formación A Aixola, dependente da Consellería do Mar e xestionado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, convoca unha nova edición do curso “Confección e mantemento de artes e aparellos”, unha formación gratuíta e única en Galicia que permite obter un certificado profesional de nivel 2, cunha elevada taxa de inserción laboral.

Cunha duración total de 390 horas distribuídas en horario de mañá, o curso desenvolverase entre o 7 de abril e o 11 de xullo próximos e contempla prácticas en empresas. Para obter unha praza nesta acción formativa abonda con ter o título da ESO ou equivalente.

Durante a formación, o alumnado adquirirá competencias para deseñar, confeccionar, reparar e manter redes de pesca e aparellos tradicionais ou mecanizados, adaptándose ás distintas modalidades do sector. A súa superación conduce directamente á obtención do certificado profesional, necesario para darse de alta no réxime do mar.

O curso está especialmente indicado para persoas novas, desempregadas ou vinculadas ao sector pesqueiro que desexen reorientar o seu perfil profesional ou garantir o relevo xeracional nun oficio altamente especializado e en risco de desaparición, pero con demanda nas confrarías e nas empresas do sector marítimo-pesqueiro. Os datos recollidos en edicións anteriores mostran unha elevada inserción laboral entre o alumnado, dada a escaseza de profesionais cualificados neste ámbito.

As prazas son limitadas e a preinscrición xa é posible a través da páxina web (aixola.cetmar.org) ou contactando vía correo electrónico aixola@cetmar.org ou no 886 206915. Na actualidade A Aixola é o único centro acreditado que imparte esta formación.

Leave a Reply