Novedades

A Fundación CETMAR e o Goberno de Chile estudian colaborar en materia de formación en xestión pesqueira

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e o Goberno de Chile están a deseñar unha estratexia de colaboración  en materia de formación en xestión pesqueira. Unha delegación da Subsecretaría de Pesca e Acuicultura chilena encabezada polo seu máximo responsable, Pablo Galilea Carrillo, visitou a sede da institución en Vigo para coñecer o traballo que os seus técnicos veñen desempeñando neste e neutros ámbitos.

Tras unha reunión coa directora-xerente, Paloma Rueda Crespo,  e responsables das diferentes áreas de traballo para coñecer o funcionamento do CETMAR, ambas partes quedaron citadas a un novo encontro no que deseñar unha estratexia de colaboración cara á capacitación dos técnicos e das comunidades costeiras daquel país en materia de xestión pesqueira, facendo fincapé na habilitación dos servicios de extensión.

A primeira reunión terá lugar a vindeira semana e o primeiro obxectivo é organizar unha misión de capacitación de técnicos chilenos en Galicia no mes de marzo, misión que tería continuidade en Chile co posterior desprazamento dos formadores galegos a ese país.