Novidades

Loita contra o lixo mariño

By 7 Abril, 2026 No Comments

O proxecto europeo Free LitterAT que coordina CETMAR consolida avances clave na loita contra o lixo mariño no Atlántico

  • Os socios de España, Portugal, Francia e Irlanda analizaron na localidade lusa de Cascais os progresos desta acción na que tamén participan o Intecmar, o IEO-CSIC e a Universidade de Santiago

O Centro Tecnolóxico do Mar e os seus socios en Free LitterAT analizaron os progresos acadados na loita contra o lixo mariño no Atlántico a través das diferentes accións levadas a cabo por este proxecto europeo, que enfronta a súa recta final. Foi durante un encontro celebrado na localidade portuguesa de Cascais e que reuniu a representantes das institucións de España, Portugal, Francia e Irlanda que conforman o consorcio.

A través dun enfoque integral e coordinado, os socios de Free LitterAT confirmaron avances significativos en materia de prevención do lixo mariño. Ata a data, realizáronse entrevistas en diferentes portos para avaliar a aplicación da normativa europea sobre xestión de residuos e analizar os procesos de reciclaxe. Esta labor permitiu compilar e sistematizar boas prácticas nunha plataforma accesible a través da páxina web do proxecto.

Paralelamente, completáronse estudos de ciclos de vida de redes de pesca en diferentes países, ao tempo que se desenvolveron e avaliaron protocolos de reciclaxe para diferentes tipos destes aparellos, ademais de guías, protocolos e fichas informativas para a xestión de residuos pescados incidentalmente.

Todas estas accións reforzáronse mediante a organización de talleres temáticos sobre plásticos dun só uso, normativas de xestión do lixo ou pesca de refugallos, e talleres locais —o primeiro celebrado en Francia— que continuarán nos restantes países, xunto con accións piloto de carácter transnacional para testar prácticas de xestión de residuos. Todo isto compleméntase cun estudo socioeconómico que aporta información clave sobre a percepción pública e o impacto social destas iniciativas.

No ámbito da monitorización, presentáronse avances no seguimento do lixo do fondo mariño mediante o uso de robots submarinos non tripulados ou a análise de imaxes de residuos nas profundidades, progresouse na caracterización do macro lixo bentónico e lográronse melloras nos sistemas de seguimento dos microplásticos.

O encontro serviu ademais para dar a coñecer os primeiros resultados dos talleres organizados en Brest (Francia) e en Porto Santo (Portugal), orientados a identificar as fontes xeográficas e as actividades de orixe do lixo mariño, xunto con avaliacións preliminares da distribución da contaminación no Atlántico, que permitiron identificar zonas críticas e áreas prioritarias de intervención para orientar futuras accións piloto e optimizar as estratexias de monitorización e retirada.

O traballo desenvolvido polos socios de Free LitterAT posibilitou, a maiores, unha serie de avances relevantes na modelización, centrados no estudo da degradación de plásticos, a bioincrustación, a resuspensión e os procesos de chegada á costa de residuos (“beaching”).

Os devanditos estudos están a ser incorporados ao modelo lagranxiano de lixo mariño, unha ferramenta de simulación oceanográfica que rastrexa o movemento de partículas individuais seguindo a súa traxectoria en tempo e espazo. O devandito modelo foi recentemente actualizado, permitindo analizar a orixe, transporte e destino destes refugallos, establecer a conexión entre as zonas de acumulación e as fontes terrestres, e mellorar así a planificación de estratexias de prevención e retirada.

A elo súmase un segundo modelo, xa finalizado e validado, que simula o comportamento á deriva de redes e outros aparellos de pesca. A combinación destas ferramentas, xunto á identificación de puntos críticos de acumulación, proporciona información clave para optimizar a xestión de residuos e anticipar áreas de risco.

En canto á redución do lixo, compartíronse os avances nos traballos dirixidos a abordar as artes de pesca abandonadas, perdidas ou descartadas, os refugallos da pesca de lixo, os residuos acumulados en zonas costeiras e as fibras e microplásticos. Neste ámbito, están previstas campañas para testar equipos tecnolóxicos destinados á detección de aparellos abandonados, así como o inicio de novas accións.

Outros fitos destacados foron os progresos na retirada de lixo mariño en zonas de acumulación costeira, incluídas áreas remotas, ou a presentación de solucións innovadoras, como os avances nos dispositivos de filtración de micro plásticos para lavadoras, concibidos como medidas prácticas para reducir a contaminación desde a súa orixe.

O consorcio Free LitterAT, do que forman parte xunto ao CETMAR o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), a Universidade de Santiago e o IEO-CSIC, continuará fortalecendo o seu enfoque para a prevención, monitorización e redución do lixo mariño cun plan ambicioso de accións piloto, talleres e iniciativas de capacitación e sensibilización previstas para este ano 2026.

Reunión dos socios do proxecto en Cascais, Portugal

Leave a Reply