O proxecto europeo TransformAr celebra o seu evento final en Bruxelas coa participación galega de CETMAR e da Consellería do Mar
- O evento final do proxecto celebrouse o pasado 11 de setembro en Bruxelas, no espazo Jardin Hospice, e reuniu representantes da Comisión Europea, gobernos rexionais, centros de investigación e axentes de distintos sectores.

O proxecto europeo TransformAr chega á súa conclusión tras varios anos de traballo orientado ao desenvolvemento de solucións de resiliencia fronte ao cambio climático en rexións e cidades europeas. Entre os seus principais resultados destaca a coordinación, por parte do CETMAR, dun demostrador en Galicia centrado na adaptación do sector produtor de bivalvos aos efectos do cambio climático.
Durante o encontro celebrado o pasado 11 de setembro en Bruxelas, Manuel García Tasende, xefe de Servizo de Innovación Tecnolóxica da Acuicultura da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, participou nunha das mesas de debate presentando o interese da Dirección Xeral nos resultados acadados polo demostrador galego. Na súa intervención, destacou tamén as propostas de accións de resiliencia identificadas para impulsar a adaptación do sector mexilloeiro, algunhas das cales continúan a desenvolverse a través de proxectos como:
- CAPACTAMEX, que promove o diálogo entre o sector mexilloeiro, a Administración e a comunidade investigadora.
- BATEAS, que avanza na monitorización en tempo real da produción de mexillón para facilitar unha xestión baseada en datos.
O evento puxo de relevo a necesidade de reforzar a resiliencia das rexións europeas fronte ao cambio climático, máis alá do concepto clásico de “adaptación”. Neste sentido, subliñouse o papel das organizacións de interface, como CETMAR, que facilitan o diálogo entre administracións rexionais, investigadores, industria e sociedade civil para deseñar e implementar propostas innovadoras e sostibles.

TransformAr supuxo un paso adiante na procura de solucións innovadoras e transferibles que poidan aplicarse en diferentes territorios europeos para afrontar os retos que presenta o cambio climático.