Novidades

Técnicos da Subsecretaría de Pesca e Acuicultura de Chile realizan unha visita formativa a Galicia da man da Fundación CETMAR

By 2 Decembro, 2013 No Comments

Seis técnicos da Subsecretaría de Pesca e Acuicultura de Chile iniciaron hoxe no Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo un programa de formación que, organizado pola Fundación CETMAR, pretende reforzar as capacidades  deste equipo de expertos mediante sesións formativas, mesas de traballo e visitas guiadas a centros  e institucións de investigación da Consellería do Medio Rural e do Mar e outros, relacionados con este sector.

A formación, centrada no establecemento de plans de xestión na pesca artesanal, iniciouse hoxe na sede do CETMAR en Vigo e prolongarase ata o vindeiro 10 de decembro. Os técnicos chilenos foron recibidos pola directora-xerente da Fundación galega, Paloma Rueda Crespo, quen lles deu a benvida a Galicia.

Durante a mañá, os técnicos recibiron as primeiras clases teóricas sobre plans de explotación e sobre o ciclo da xestión pesqueira da man de persoal do CETMAR e da Consellería do Medio Rural e do Mar. Esta primeira xornada rematará cunha visita ao Instituto Español de Oceanografía en Vigo.

O programa desenvolverase nos vindeiros días e prevé, entre outras, visitas ao Instituto Galego de Formación en Acuicultura-IGAFA, ao Centro de Formación A Aixola en Marín, ao Centro de Investigacións Mariñas e as instalacións de Gardacostas de Galicia. Tamén están previstas mesas de traballo sobre o servicio de extensión pesqueira, sobre comercialización ou sobre a incidencia da formación no desenvolvemento sectorial.

Tamén haberá tempo para manter encontros con representantes do sector, como a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo ou a Confraría de Cangas.