Novidades

Os socios de TEAM-Miño instan a preservar o ecosistema do esteiro do río do impacto humano no peche do proxecto europeo

By 21 Xuño, 2013 No Comments

“Os niveis de contaminación química no esteiro do río Miño son en xeral baixos en comparanza con zonas veciñais de Galicia ou Portugal, o cal supón un incentivo para preservar este ecosistema do impacto humano”. Foi unha das conclusións dos traballos realizados no marco do proxecto europeo TEAM-Miño, que hoxe se deron a coñecer nun seminario no Centro Tecnolóxico do Mar, socio nesta iniciativa xunto a institucións galegas e lusas.

A apertura da xornada correu a cargo da directora-xerente da Fundación CETMAR, Paloma Rueda Crespo, quen estivo acompañada polo presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, e pola vicerreitora da Universidade de Vigo, Asunción Longo.

Tras varios relatorios científicos expuxéronse as conclusións do proxecto, que pretendía desenvolver ferramentas comúns para a implementación coordinada da Directiva Marco do Auga neste esteiro. Este proceso, afirmaron os expertos, vai especialmente atrasado en augas de transición, debido especialmente ás particularidades deste tipo de augas a medio camiño entre río e mar.

Despois de analizar en profundidade o caso da desembocadura do Miño, os socios de TEAM-Miño concluíron que a actual delimitación das catro masas de auga de transición definidas no esteiro internacional impiden a aplicación de niveis de referencia comúns a todas elas, xa que presentan características hidrográficas e ecolóxicas totalmente distintas.

Para resolver este problema, os expertos propoñen aplicar niveis de referencia típicos de esteiros con dominancia mariña á masa de auga mais externa; niveis de referencia de esteiros con dominancia fluvial á masa intermedia, e finalmente, niveis de referencia de eixes principais fluviais as dúas masas máis internas, que poden así ser fundidas nunha única. Finalmente, para a clasificación do estado ecolóxico destas masas de auga recoméndase empregar “información biolóxica rápida, sensible e ecoloxicamente relevante subministrada polas técnicas denominadas biomarcadores ou bioensaios”.

Coordinado pola Estación de Ciencias Mariñas de Toralla da Universidade de Vigo, no consorcio de TEAM-MIÑO participan xunto á FundaciónCETMARa Axencia Portuguesa do Ambiente; Augas de Galicia; o Centro de Monitorização e Interpretação Ambiental de Vila do Conde; o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental; a Confederación Hidrográfica Miño-Sil; o Instituto Español de Oceanografía; o Instituto Nacional dos Recursos Biolóxicos de Portugal; a  Mancomunidade de Municipios do Baixo Miño e a Universidade de Aveiro.

Ademais do traballo científico, o proxecto incluíu diferentes actividades de difusión a ambas marxes do esteiro do Miño para dar a coñecer a súa labor tanto ás administracións como ao público en xeral.

Leave a Reply