Novidades

A Secretaría Xeral do Mar anuncia unha nova liña de axudas para promover a eficiencia enerxética na flota pesqueira de Galicia

By 10 Xuño, 2013 No Comments

A Consellería do Medio Rural e do Mar abrirá a curto prazo unha nova liña de axudas ao investimento para a mellora do rendemento enerxético dos buques de pesca galegos. Así o anunciou hoxe o secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, durante o obradoiro que sobre eficiencia enerxética na flota pesqueira de Galicia celebrouse na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo.

Acompañado por Paloma Rueda Crespo, directora-xerente da Fundación CETMAR, e por José Luís González Sérrano, subdirector xeral de Política Estructural do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, o secretario xeral do Mar, Juan Maneiro,  recordou na apertura da xornada a importancia que o gasto enerxético ten na conta de resultados das empresas e a súa repercusión tanto no prezo final do produto como a nivel medioambiental.

Explicou tamén que o obxectivo da xornada era orientar ao sector cara a un maior e mellor aproveitamento destes mecanismos de apoio financeiro, dado que despois de tres convocatorias de axudas “o éxito obtido no financiamento de proxectos foi inferior ao crédito disposto”.

Técnicos da Consellería do Medio Rural e do Mar abordaron así ao longo de diferentes relatorios os detalles da orde de axudas e da avaliación técnica das mesmas. O obradoiro serviu ademais para identificar as oportunidades tecnolóxicas existentes no mercado para o sector pesqueiro mediante a presentación de experiencias empresariais concretas neste ámbito. Un debate coa participación dos asistentes pechou a xornada.

Leave a Reply