Novidades

O Cetmar anima ao sector extractivo a apostar pola explotación das macroalgas como fonte de riqueza para Galicia

By 9 Outubro, 2012 No Comments

A directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar, Paloma Rueda Crespo, animou onte ao sector extractivo a apostar pola explotación das macroalgas que son, dixo, “unha fonte de riqueza para Galicia”. Na apertura do foro que se celebrou na sede da Fundación en Vigo, recordou que o Cetmar ven traballando nos últimos anos na difusión das bondades das algas a través de diferentes seminarios e proxectos, polo que ofreceu a colaboración do Centro, de cara a orientar e guiar a aquelas empresas interesadas na explotación deste recurso.
Ao longo da mañá, diferentes expertos en macroalgas e na súa biodiversidade, extracción, explotación e comercialización abordaron a situación actual do recurso e as súas posibilidades de explotación. Segundo explicou a coordinadora da área de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía do Cetmar e responsable da organización do foro, Rosa Fernández, o obxectivo deste evento é que os diferentes axentes que están a intervir no aproveitamento deste recurso poñan enriba da mesa todas aquelas cuestións que poidan contribuír a mellorar a situación e a fortalecer a actividade relacionada coa explotación das macroalgas.
Nunha das intervencións da mañá, o técnico da Consellería do medio Rural e do Mar, Manuel Tasende, explicou que a explotación deste recurso está regulada na Lei de Pesca de Galicia e en sucesivos decretos nos que se especifican os utensilios ou aparellos que se poden empregar na súa extracción ou como se elaboran os plans de xestión, entre outros aspectos.
O Foro dos Recursos Algais de Galicia reuniu na sala de conferencias do Cetmar a arredor de 50 asistentes procedentes de centros de investigación, universidades, da administración e de diferentes empresas, así como do propio sector. Os relatorios dos diferentes expertos, tamén representantes de tódolos ámbitos, prolongáronse durante todo o día.

Leave a Reply