Novidades

O CETMAR espera que o Centro Multipolar de Valorización de Recursos e Residuos Mariños sexa un referente para o sector pesqueiro

By 20 Xullo, 2012 No Comments

O Centro Tecnolóxico do Mar  presentou hoxe o Centro Multipolar de Valorización de Recursos e Residuos Mariños como unha iniciativa que, nacida ao amparo do proxecto europeo IBEROMARE, pretende ser un “referente” para o sector pesqueiro na busca dunha solución ao tratamento dos subprodutos e residuos xerados por esta actividade.

A directora-xerente da FundaciónCETMAR,Paloma Rueda Crespo, que foi a encargada de abrir o seminario que serviu de peche ao devandito proxecto xunto ao reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, manifestou a súa confianza en que o Centro Multipolar posto en marcha polos socios de IBEROMARE axude a solucionar os problemas dos profesionais do mar para dar saída tanto a determinados recursos mariños como aos residuos derivados da actividade pesqueira. Recordou ademais que este é un dos ámbitos de traballo prioritarios para o Centro que, asegurou, “seguirá traballando nesta liña”.

Nado ao amparo do proxecto IBEROMARE, subvencionado polo programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, o Centro Multipolar pretende contribuír así á posta en valor dos recursos mariños propios das costas lusogalegas utilizando como ferramenta a investigación e tendo como finalidade última a creación dun tecido industrial ao servicio da valorización.

Segundo se expuxo hoxe na presentación de resultados desta iniciativa, que correu a cargo entre outros do coordinador da área de Tecnoloxía dos Produtos Pesqueiros doCETMAR,Julio Maroto,  o que se pon en marcha é un organismo consultivo e de apoio ás empresas, administracións e institucións públicas e privadas sobre valorización de recursos e residuos mariños, aplicada aos sectores da alimentación, cosmética, biomedicina, farmacia e agricultura. Desta maneira, o centro Multipolar pretende contribuír “ao desenvolvemento socioeconómico e do tecido empresarial” entorno á valorización.

Coordinado polo 3B´s Research Group da Universidade do Minho, o proxecto IBEROMARE contou coa participación, ademais da Fundación CETMAR, da Consellería do Medio Rural e do Mar (IGAFA e CIMA), das universidades de Vigo e Santiago, do Centro Interdisciplinar de Investigaçao Marinha e Ambiental-CIIMAR; do LSRE-Laboratory of Separation and Reaction Engineering; do Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC, e do ESB Research Group.

Leave a Reply