Novidades

O CETMAR pon en marcha unha campaña para incentivar o consumo responsable dos produtos da pesca artesanal

By 8 Xuño, 2012 No Comments

O Centro Tecnolóxico do Mar ven de por en marcha unha campaña destinada a incentivar o consumo responsable dos produtos da pesca artesanal, unha iniciativa que deu comezo este mediodía no Mercado do Progreso en Vigo co reparto de material promocional aos clientes dos postos de venda de pescado.
Coincidindo coa celebración do Día Mundial dos Océanos, a directora-xerente da Fundación CETMAR, Paloma Rueda Crespo, asistiu este mediodía á apertura da campaña xunto ao subdirector xeral de Pesca e Mercados da Pesca da Consellería do Medio Rural e do Mar, Antonio Rodríguez Fernández. No acto estiveron acompañados por Raúl Fontán, xerente do Mercado do Progreso, que ven de colaborar co CETMAR nesta iniciativa a través da participación dos vendedores de pescado da praza viguesa.
A campaña enmárcase no proxecto PRESPO para o desenvolvemento sustentable da pesca artesanal no Arco Atlántico financiado polo Programa Espacio Atlántico da Comisión Europea, no que CETMAR traballou xunto a institucións de Francia e Portugal.
A partir da filosofía de que a pesca responsable implica a participación dos pescadores -cando realizan a actividade- e tamén dos consumidores -cando compran productos do mar-, deseñáronse camisetas cos lemas: “pesco responsable, penso no futuro” e “compro responsable, penso no futuro”, camisetas que agora recibirán como regalo os consumidores dos produtos derivados desta actividade no mercado vigués.
Coincidindo co inicio desta campaña, a Subdirección Xeral de Pesca e Mercados da Pesca da Consellería do Medio Rural e do Mar instalou no Progreso carteis informativos sobre diferentes aspectos das especies mariñas comercializadas, como vedas ou tallas.
Proxecto PRESPO
O obxectivo final de PRESPO é mellorar a xestión das pesqueiras artesanais facéndoas sostibles tanto dende un punto de vista biolóxico como social, económico e ambiental. Para acadalo desenvolveu ferramentas que permiten mellorar a eficiencia na xestión dos recursos pesqueiros explotados pola flota artesanal no Espacio Atlántico. Deste xeito, contribúese á sustentabilidade das comunidades pesqueiras, garantindo o mantemento dos postos de traballo do sector e a xeración de riqueza no litoral.
Entre os resultados do proxecto podería destacarse a base de datos de iniciativas de diversificación socioeconómica ou a plataforma interactiva que mostra a evolución histórica da flota pesqueira no Arco Atlántico, dispoñibles para a súa consulta na páxina Web do proxecto (http://www.cripsul.ipimar.pt/PRESPO).

Leave a Reply