What's new

A Fundación CETMAR e os seus socios no proxecto GEPETO presentan en Lisboa o Atlas das Pesqueiras da zona atlántica do sur de Europa

By 29 November, 2013 No Comments

Os socios do proxecto europeo GEPETO “Fisheries Management & Transnational Objectives”, que coordina o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, reuniranse os días 3 e 4 de decembro en Lisboa para dar conta dos primeiros resultados desta iniciativa.

O encontro servirá para presentar o Atlas das Pesqueiras da zona atlántica do sur de Europa, documento elaborado polo Institut français de recherche pour l`exploitation de la mer-IFREMER e que compila a información existente sobre a actividade de todas as flotas que operan nesa zona. Esta primeira versión do Atlas estará dispoñible na web do proxecto (www.gepetoproject.eu).

Outra ferramenta que se dará a coñecer nesta reunión e o denominado “módulo participativo”, tamén operativo na web, e que permitirá recoller as testemuñas dos pescadores, que terán así a posibilidade de opinar sobre a súa actividade a través dunha enquisa, involucrándose directamente nas propostas de xestión.

O consorcio GEPETO está a traballar ademais nun novo modelo de ordenación das pesqueiras e de plans de xestión a longo prazo. Neste proxecto liderado polo CETMAR tamén participan o Consello Consultivo Rexional do Sur (CCR-Sur), o Instituto Español de Oceanografía, AZTI-Tecnalia, IFREMER de Francia, o Instituto Portugués doMare da Atmosfera, a Universidade das Azores, oMarine Institute de Irlanda e o Consello Consultivo Rexional para as Augas Noroccidentais (CCR-N),

Está previsto que durante esta reunión en Lisboa, os representantes de AZTI-Tecnalia presenten os seus traballos para coñecer a estrutura das pesqueiras e organizalas en unidades de maior operatividade. Pola súa parte, o IPMA de Portugal terá a responsabilidade de propor regras e normas de xestión das pesqueiras, propiciando plans de xestión a longo prazo.

O proxecto GEPETO estenderá a súa actividade ata mediados de 2014. Para entón está prevista a celebración da reunión final de presentación de resultados, que terá lugar na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo.