What's new

O Centro Tecnolóxico do Mar acolle un taller sobre as claves cara a recuperación da produción da ostra plana en Europa

By 29 September, 2013 No Comments

O Centro Tecnolóxico do Mar e os seus socios no proxecto OYSTERECOVER darán conta dos valiosos resultados desta iniciativa cara a recuperación da produción da ostra plana europea no transcurso dun taller que terá lugar o vindeiro 10 de outubro na sede da Fundación CETMAR en Vigo.

A xornada ten como obxectivo facer partícipes aos produtores de ostra e a outros interesados do valor e a importancia dos resultados obtidos polo consorcio OYSTERECOVER despois de tres anos de traballo, resultados que permiten que a recuperación dos bancos de ostra plana sexa unha realidade mais próxima.

No transcurso do taller, que será inaugurado polo secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, e pola directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, os coordinadores do proxecto e outros expertos falarán das ferramentas obtidas no marco desta iniciativa para a selección xenética das ostras, así como sobre a xestión sostible dos bancos naturais e as posibilidades de recuperación desta actividade.

Ademais do Centro Tecnolóxico do Mar, que lidera o proxecto xunto ao Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) –coordinador científico- participan no OYSTERECOVER  como socios Agrocampus Ouest Atlantic Shellfish Ltd, ASL; Centre for Environment, Fisheries & Aquaculture Science, CEFAS; Clew Bay Marine Forum Ltd. CBMF; Clew Bay Oyster Co-operative Society Limited, CBOC; Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia; Den Erhvervsdrivende Fond Dansk Skaldyrcenter, DSC; José María Daporta Leiro e Hijos S.L.; Nederlandse Oestervereniging, NEDOYS; Comité Régionale de la Conchyliculture Bretagne-Nord; Universidade de Santiago de Compostela, USC; University College Cork, National University of Ireland, UCC, e Wageningen IMARES.

A reunión final do proxecto terá lugar os días 8 e 9 de outubro, tamén no CETMAR, pero só para os membros do consorcio. A xornada do día 10 é pública, polo que os interesados poderán inscribirse a través da páxina web do proxecto www.oysterecover.eu (apartado de Noticias).