Daily Archives

19 Marzo, 2025

Semana Marítima Mundial

By | Novidades | No Comments

A directora do CETMAR aposta por situar o peixe e a proteína azul no centro das políticas europeas de seguridade alimentaria

  • No marco da Semana Marítima Mundial, que se celebra en Bilbao, Rosa Chapela avogou por políticas que dean protagonismo ás comunidades costeiras na planificación estratéxica da economía azul
  • A responsable do Centro Tecnolóxico do Mar destacou tamén a importancia da pesca e a acuicultura para a seguridade alimentaria nun relatorio no congreso Eurofishing

A directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, Rosa Chapela Pérez, participou hoxe na Semana Marítima Mundial que se celebra en Bilbao con dous relatorios sobre a importancia da proteína azul e do peixe na seguridade e na soberanía alimentarias e sobre o desenvolvemento sostible da economía azul.

Na súa intervención no marco do Eurofishing, un dos catro congresos que se desenvolven de xeito paralelo e que está dedicado á industria pesqueira, a directora do CETMAR falou da  importancia da pesca e da acuicultura na seguridade e soberanía alimentarias.

Neste eido, recordou que a FAO ven advertindo desde 2014 da importancia da sostibilidade da pesca e da acuicultura para a seguridade alimentaria e que a súa consecución pasa por unha mellor ordenación pesqueira e acuícola, por estratexias de adaptación ao cambio climático e pola protección e fomento da pesca artesanal.

“A proteína azul é fundamental para a saúde humana, o desenvolvemento económico e a sostibilidade do planeta”, afirmou, e defendeu o recoñecemento dese papel clave na resiliencia alimentaria europea e global, así como o reforzo das políticas que promovan o consumo de peixe e a inclusión “real” da pesca e da acuicultura nas estratexias alimentarias das diferentes administracións.

Por outra banda, e na sesión transversal que abriu a Semana Marítima Europea, Rosa Chapela defendeu unha efectiva ordenación do espazo marítimo  e unha planificación marítima participada como claves para o crecemento sostible da economía azul que, afirmou, “depende dunha maior integración entre sectores, o desenvolvemento de novas tecnoloxías e unha regulación que incentive a colaboración”.

A directora do CETMAR recordou que a consolidación dos plans marítimos integrados dos Estados Membros está aínda pendente e incidiu en que a devandita planificación debe integrar todas as actividades da economía azul e debe desenvolverse contando con todos os actores clave (ciencia, administracións, sector marítimo-pesqueiro, ONGs e sociedade).

Mostrouse así partidaria de “establecer prioridades para as actividades tradicionais das que viven as comunidades costeiras, como a pesca, o marisqueo e a acuicultura”, dando paso ademais “ás actividades emerxentes da economía azul”, sempre nun proceso de convivencia.

Insistiu en que a clave para acelerar esa transición sen comprometer a competitividade estaría “en políticas que combinen incentivos económicos, regulacións intelixentes e apoio financeiro” e que “sitúen ás comunidades costeiras no centro”. Deste xeito, engadiu, serán “actores e non vítimas do cambio” desa transición azul sostible, poñendo aos Grupos de Acción Costeira (GALP) de Galicia como exemplo desa implicación.

Para cumprir eses obxectivos, Rosa Chapela resaltou a importancia de medidas de financiación como o Fondo Europeo Marítimo da Pesca e da Acuicultura e avogou porque se manteñan no tempo, permitindo a modernización da flota, a aplicación de tecnoloxías sostibles ou a diversificación das fontes de ingresos. Resaltou tamén como importantes os programas de capacitación de xeito que os traballadores do sector marítimo poidan adaptarse ás novas oportunidades da economía azul ou ás sinerxías que esta poda propiciar.

Semana Marítima Mundial

A World Maritime Week se celebra en Bilbao desde hoxe e ata o 21 de marzo e está sendo punto de encontro dos principais actores da industria marítima mundial. Este foro marítimo reúne cada dous anos a profesionais do sector co obxectivo de establecer alianzas internacionais, compartir información e abordar novos retos do sector. Para elo están programados catro congresos internacionais, ademais dun área de exposicións e dun espazo para o traballo en rede.