Daily Archives

18 Decembro, 2024

Padroado CETMAR

By | Novidades | No Comments

CETMAR pecha o ano con 52 proxectos e servizos en marcha e un presuposto para 2025 que supera os 4,5 millóns de euros

  • O Padroado da Fundación aprobou hoxe o plan de actuación e o orzamento do centro para 2025 nunha reunión ordinaria presidida polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares
  • O Centro Tecnolóxico do Mar pecha un exercicio no que traballou en mais de sesenta accións relacionadas coa gobernanza mariña, a xestión de recursos a observación mariña, a formación ou a cooperación internacional, entre outros ámbitos

O Padroado do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR reuniuse esta mañá na sede da institución en Vigo nun encontro presidido polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, como vicepresidente do mesmo, e no que a súa directora-xerente, Rosa Chapela, fixo balance do exercicio 2024 e presentou o plan de actuación e o presuposto para 2025, que supera os 4,5 millóns de euros.

A institución dependente da Consellería do Mar traballa na actualidade en 52 proxectos e servizos, a maioría de ámbito internacional, relacionados coa gobernanza mariña, a loita contra a contaminación no mar, a xestión dos recursos mariños, a formación, a cooperación internacional ou a observación mariña e a promoción e transferencia de tecnoloxía, entre outros campos de actividade.

A directora-xerente do Cetmar deu conta aos membros do Padroado das accións levadas a cabo no exercicio 2024, cando os técnicos da institución galega estiveron involucrados nun total de 62 proxectos e servizos que na súa maioría continuarán ao longo do ano 2025. Ademais de dar continuidade a este traballos, a Fundación galega está pendente da resolución de oito novas propostas presentadas a diferentes convocatorias nos últimos meses.

O Centro Tecnolóxico do Mar mantén a súa liña de traballo en torno á loita contra a contaminación mariña en proxectos como Free-Litter AT, centrado na prevención, monitorización e redución do lixo mariño, ou BlueWWater, para o tratamento, control e redución de microplásticos e contaminantes emerxentes.

No ámbito da gobernanza mariña, Cetmar traballa en diferentes proxectos e servizos relacionados coa ordenación espacial mariña -Remap-MSP, POEM- e en diferentes tarefas de apoio aos Grupos de Coordinación Rexional (RCGs) por encargo da Comisión Europea, así como aos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro galego, nun servizo da Consellería do Mar.

A maioría dos proxectos e servizos relacionados coa xestión de recursos mariños nos que o Centro traballou neste ano proseguirán no 2025, como é o caso de Transformar, que busca solucións para a adaptación ao cambio climático, no caso de Galicia, nos sectores do mexillón e do marisqueo a pe, ou Apromex, no que apoia ao CIMA no análise das poboacións de semente de mexillón.

Tamén neste ámbito, Cetmar desenvolve xunto a dous grandes consorcios europeos proxectos para minimizar e eliminar a captura accidental de especies prioritarias en perigo de extinción, ameazadas e protexidas (LIFE Cibbrina) e reducir as capturas incidentais de megafauna mariña -aves, tartarugas, eslamobranquios e cetáceos-.

O Centro Tecnolóxico do Mar proseguirá no 2025 cos diferentes traballos relacionados co mantemento da rede de observación do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, así como coa análise de datos a través da súa implicación na Rede Europea de Observación e Datos Mariños (Emodnet), no Observatorio Europeo para os Produtos da Pesca e Acuicultura (Eumofa) ou no Observatorio Europeo da Economía Azul.