Daily Archives

11 Outubro, 2024

Formación

By | Novidades | No Comments

A Xunta avanza na elaboración do novo convenio co Centro de Formación A Aixola de cara ao vindeiro curso

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, realizou a súa primeira visita ao Centro de Formación A Aixola no Porto de Marín (Pontevedta) co obxectivo de coñecer de primeira man o traballo que se está a desenvolver nas diferentes accións formativas programadas este curso, así como as súas instalacións. Ademais, a responsable autonómica abordou cos responsables do centro aspectos sobre a elaboración dun novo convenio así como a oferta formativa de cara ao vindeiro curso.

A directora xeral fixo un percorrido polos diferentes obradoiros do centro e destacou a calidade educativa da entidade que, xestionada pola Consellería do Mar a través do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, ven acadando uns excelentes resultados de inserción laboral dos seus alumnos. Así, no 2023 a práctica totalidade do alumnado que buscou emprego conseguiu entrar no mundo laboral tras finalizar a súa formación, mentres que o resto continuou o seu itinerario formativo, acadando así cerca dun 70% de inserción.

A Aixola ten previstas este curso sete accións formativas para as cales ofertou un total de 84 prazas dirixidas a alumnos vinculados ao sector pesqueiro. As clases totalizarán cerca de 1.600 horas de formación de carácter gratuito das que poden beneficiarse operarios da pesca, mariscadoras e mariscadores, cónxuxes destes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector pesqueiro.