Daily Archives

17 Abril, 2024

#CienciasMariñasGal

By | Novidades | No Comments

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia avanza cara a unha estratexia de observación e monitorización que modernice e reforce a xestión sustentable dos recursos mariños

  • Os primeiros resultados dos traballos realizados para cumprir este obxectivo foron presentados hoxe nunha reunión do paquete de traballo 2, celebrada na sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR en Vigo

A sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR en Vigo foi escenario hoxe dunha reunión de seguimento do paquete de traballo 2 do Plan de Ciencias Mariñas de Galicia, responsable do desenvolvemento dunha estratexia de observación e monitorización mariña que modernizará e reforzará a xestión sustentable  dos recursos mariños.

O encontro, que se prolongou durante a mañá, serviu para presentar os avances e os traballos realizados ata agora, fundamentalmente no que se refire ao proceso de compilación de información sobre programas, redes, servizos e sistemas de alerta, así como respecto das necesidades neste ámbito.

O encontro serviu tamén para abordar a metodoloxía, os contidos preliminares e a folla de ruta que se desenvolverá nos próximos meses para o deseño da estratexia de observación e vixilancia mariña, e que incluirá diferentes tarefas, obradoiros e grupos de traballo, tamén en relación con paquetes de traballo 1 e 4 do Plan Galego de Ciencias Mariñas. Finalmente, durante o encontro abordouse a identificación de coñecementos potencialmente transferibles do paquete de traballo 11, dedicado á cultura científica, transferencia de coñecemento e formación.

Coordinado por Intecmar, CETMAR e a Universidade de Vigo, o PT2 busca desenvolver a devandita estratexia a través dunha análise exhaustiva e un enfoque multidisciplinario, fortalecendo as sinerxías identificadas. Este plan persegue a modernización e o reforzo da observación e monitorización do medio mariño adecuándoa ás necesidades da sociedade, incluíndo administración, tecido produtivo e público en xeral, para un aproveitamento sostible do medio mariño, apoiado no coñecemento científico. O obxectivo final e converter o sistema nunha rede de redes, facilitando e promovendo a súa conexión e integración a nivel estatal, europeo e internacional.

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia enmárcase nos Plans Complementarios de Ciencia do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades incluídos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR-C17.I1), e está financiado a través da Xunta de Galicia con fondos Next GenerationEU e o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura da Unión Europea.