Monthly Archives

marzo 2013

CETMAR e os seus os socios no proxecto OYSTERECOVER expoñen os avances e retos cara a recuperar a produción de ostra plana

Por | Novedades | Ningún comentario

O Centro Tecnolóxico do Mar e os seus socios no proxecto europeo Oysterecover veñen de facer público un informe sobre os avances na produción de semente de ostra plana (Ostrea edulis) en criadeiro que axudarán á recuperación deste recurso en Europa. O documento reflicte o estado actual da técnica, expón os avances acadados por diferentes proxectos recentemente desenvolvidos e traza as liñas de traballo identificadas como prioritarias para un futuro inmediato.

O informe fai referencia así aos recentes avances nos eidos do acondicionamento de reprodutores e no cultivo larvario, incluíndo nutrición larvaria e técnicas e protocolos de cultivo, ao tempo que se identifica a metamorfose e o asentamento coma un dos procesos máis problemáticos. Así, proporciónanse os rangos óptimos dos parámetros físicos máis relevantes (temperatura e fotoperiodo) e outras variables, como a cantidade e calidade do alimento subministrado aos reprodutores e as propias larvas, que proporcionan taxas de supervivencia, fixación e crecemento desexados. Tamén se expoñen os resultados dos experimentos levados a cabo con certos compostos químicos sobre a indución da fixación nas larvas de ostra plana.

Todos estes avances que, segundo se conclúe, deberán ser validados en distintas zonas xeográficas, poderían contribuír decisivamente a estabilización da produción de semente de ostra plana en criadeiro, necesaria para calquera iniciativa de recuperación do recurso. O devandito informe, que pode ser consultado no apartado de resultados da web do proxecto (http://oysterecover.eu/), é resultado dun obradoiro organizado en Holanda polo consorcio responsable do proxecto Oysterecover.

Representantes de sete países da Unión Europea, tanto da industria coma de organizacións ambientalistas e da administración, asistiron a este encontro, que se converteu así nun foro activo de discusión no que ademais se puxo de manifesto a relevancia que está a acadar actualmente o recurso a nivel internacional, non só dende un punto de vista comercial senón tamén ecolóxico.

Dende que se iniciaron os traballos de Oysterecover, a irregular dispoñibilidade de semente identificouse coma un dos principais atrancos para desenvolver estratexias de recuperación da produción. Poñer enriba da mesa os avances acadados nese senso era  o fin do obradoiro.

Destacados científicos do IFREMER francés e do Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago mostraron así os prometedores resultados obtidos no proxecto Settle, centrado no acondicionamento e asentamento como procesos clave para a produción de semente de ostra plana e vieira en criadeiro ao logo de todo o ano.

Liderado pola Fundación CETMAR e financiado polo Sétimo Programa Marco, en Oysterecover participan 15 organizacións de 6 países europeos. O obxectivo é contribuír á recuperación da produción deste recurso mediante a utilización de ferramentas biotecnolóxicas que permitan no futuro a obtención de estirpes resistentes a bonamiose.

Os investigadores presentan ao sector novas tecnoloxías para optimizar a xestión dos decartes nunha conferencia na Fundación CETMAR

Por | Novedades | Ningún comentario

Os responsables do proxecto FAROS presentaron esta mañá os resultados tecnolóxicos desta iniciativa europea nunha conferencia que tivo lugar na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo e á que asistiu preto dun centenar de persoas, entre elas representantes do sector, da administración e doutras institucións de investigación.

A directora-xerente da Fundación CETMAR, Paloma Rueda Crespo, salientou na apertura da xornada os froitos dos tres anos de traballos levados a cabo no marco do proxecto FAROS cara a mellorar e optimizar a xestión dos descartes. Estes resultados, recordou, permitirán non só reducir os descartes identificando aquelas zonas de pesca onde a súa incidencia sexa menor, senón tamén contribuír a garantir o seu aproveitamento e valorización en terra.

Paloma Rueda Crespo estivo acompañada na inauguración da conferencia por Carmen González Sotelo, directora do Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC, institución que coordina o proxecto; por Valentín Trujillo, director do Instituto Español de Oceanografía en Vigo, socio tamén en FAROS; e por Pascal Savouret, director da Agencia Comunitaria de Control de la Pesca.

A xornada serviu así para expor os resultados do proxecto por parte das entidades participantes no mesmo, entre elas as dúas empresas que colaboraron nesta iniciativa, Marexi e ASM SOFT S.L., e que fixeron posible os sistemas de visión artificial aplicada a buques pesqueiros e para a captura e xestión de información de lances de pesca.  A conferencia permitiu tamén coñecer a opinión de representantes do sector, da administración e das institucións de investigación sobre a problemática dos descartes.

Financiado pola Unión Europea a través do Programa Life, o proxecto FAROS (www.farosproject.eu) iniciouse en 2010 co fin de procurar un aproveitamento dos descartes mais sostible e eficiente coa implicación de todos os axentes do sector pesqueiro. Ademais da Fundación CETMAR participan nesta iniciativa os xa citados IIM-CSIC e o IEO; a Autoridade Portuaria de Vigo; o Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera-IPMA e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Colaboraron tamén no proxecto as empresas Marexi e ASM SOFT S.L.

As tecnoloxías aplicadas á xestión dos descartes centran a conferencia final do proxecto europeo FAROS organizada polo Centro Tecnolóxico do Mar

Por | Novedades | Ningún comentario

O Centro Tecnolóxico do Mar organiza a conferencia final do proxecto europeo FAROS, unha xornada sobre os descartes e as tecnoloxías que axudan a súa redución que se celebrará o vindeiro xoves 21 de marzo na sede da Fundación CETMAR en Vigo. Ademais de para afondar nesta iniciativa e nos seus resultados cara á xestión dos descartes, este evento servirá para coñecer como afrontan os axentes relacionados co sector pesqueiro esta problemática.

A directora xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, será a encargada de abrir a conferencia ás 09.45 horas nun acto no que estará acompañada polo director da Agencia Europea de Control de la Pesca, Pascal Savouret, e do Instituto Español de Oceanografía de Vigo, Valentín Trujillo. A continuación intervirán representantes de diferentes institucións e organizacións relacionadas e presentaranse os resultados do proxecto.

Financiado pola Unión Europea a través do Programa Life, e coordinado polo Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC, o proxecto FAROS comezou a desenvolverse en xaneiro de 2010 co obxectivo de procurar un aproveitamento dos descartes mais sostible e eficiente coa implicación de todos os actores do sector pesqueiro.

Ademais da Fundación CETMAR, que ten nesta temática unha das súas principais liñas de traballo, participan nesta iniciativa o Instituto Español de Oceanografía, o Instituto de Investigaçao das Pescas e do Mar-IPIMAR de Portugal, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o xa mencionado IIM-CSIC.

O observatorio RAIA pon os seus produtos ao servizo das enerxías renovables mariñas e oceánicas nun seminario en Oporto

Por | Novedades | Ningún comentario

“A oceanografía operacional ao servicio das enerxías renovables mariñas e oceánicas” é o título do seminario que, organizado no marco do proxecto RAIA.co, terá lugar hoxe na cidade portuguesa de Oporto. O Centro Tecnolóxico do Mar–Fundación CETMAR participa nesta iniciativa da man doutras institucións de Galicia e do Norte de Portugal que veñen colaborando dende 2009 na creación e posta en marcha do Observatorio RAIA (www.marnaraia.com).

Nesta ocasión, o consorcio RAIA.co pretende presentar o observatorio e a oferta de produtos e servizos de información oceanográfica e meteorolóxica a representantes do sector das enerxías renovables mariñas tanto de Galicia como do Norte de Portugal, ámbito deste proxecto europeo financiado polo programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal.

O seminario servirá ademais para detectar o interese e as necesidades do devandito sector no que ten que ver coa observación e a predición do océano e, finalmente, definir e identificar unha proposta de produtos e servizos que poidan satisfacer a demanda das enerxías renovables mariñas e oceánicas.

O proxecto RAIA.co iniciábase en xaneiro do 2011 como continuación dos traballos levados a cabo ata entón en RAIA. O seu principal obxectivo é consolidar a oceanografía operacional na marxe ibérica e litoral da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, elo a través da posta en marcha dunha rede de observación e predición oceánica transfronteiriza e a creación de oportunidades científicas e tecnolóxicas que estimulen a economía de diferentes actividades ligadas ao mar.

A información derivada da devandita rede será útil e valiosa non só para os usuarios da costa en xeral, senón tamén para todas aquelas iniciativas que teñen como obxectivo a explotación das enerxías mariñas, que poderán beneficiarse dos servizos e produtos que o Observatorio RAIA ofrecerá adaptados as súas necesidades.

Ademais do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR participan nesta iniciativa a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Meteogalicia), que coordina o proxecto, e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia-INTECMAR, o Instituto Español de Oceanografía, o Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC, o Instituto Hidrográfico de Portugal e as universidades de Oporto e Aveiro.