Monthly Archives

febrero 2013

O Centro Tecnolóxico do Mar e os seus socios no proxecto FAROS presentan novas tecnoloxías cara a xestión dos descartes

Por | Novedades | Ningún comentario

O Centro Tecnolóxico do Mar e os seus socios no proxecto FAROS presentarán novas tecnoloxías para optimizar a xestión dos descartes e ferramentas para minimizar a captura de especies non obxectivos. Será no transcurso dunha xornada que terá lugar mañá venres 1 de marzo en Santiago, na sede do Centro de Supercomputación de Galicia-CESGA.

Os investigadores e técnicos que participan nesta iniciativa europea darán conta do sistema BEOS, alta texnoloxía en visión artificial aplicada a buques de pesca; do sistema Red Boxes para a transmisión dos datos dos barcos aos portos e, finalmente, do xeoportal de descartes posto en marcha no seo deste proxecto para por en contacto á flota que os xera coas empresas que os valorizan. Esta xornada, organizada polo CESGA, dará comezo ás dez da mañá e finalizará a mediodía cunha mesa redonda.

Xunto á Fundación CETMAR participan no proxecto FAROS o Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC, que coordina esta iniciativa, ademais da Autoridade Portuaria de Vigo, o Instituto Español de Oceanografía, o Instituto de Investigaçao das Pescas e do Mar-IPIMAR de Portugal e Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

Financiado pola Unión Europea a través do programa LIFE, este proxecto  (www.farosproject.eu) ten como obxectivo xeral o desenvolvemento e posta en marcha dunha rede integral cara á xestión dos descartes da pesca baseada nun sistema global de información tanto na flota como en terra e que implique a todo o sector pesqueiro. Os seus socios, que contan ademais coa colaboración das empresas Marexi e ASM, levan traballando conxuntamente dende 2010. Os resultados definitivos presentaranse a finais do mes de marzo nun novo evento na sede do CETMAR.

Os socios do proxecto europeo GEPETO, que coordina a Fundación CETMAR, seguen a traballar na busca de novos modelos de xestión pesqueira

Por | Novedades | Ningún comentario

Os socios do proxecto GEPETO «Xestión pesqueira e obxectivos transnacionais» seguen a traballar na busca de novos modelos de xestión pesqueira cara a garantir a explotación dos recursos dun modo sostible dende o punto de vista biolóxico, social, económico e medioambiental. Este é o obxectivo fundamental desta iniciativa financiada pola Unión Europea e na que, ademáis da Fundación CETMAR, que coordina o proxecto, participan outras institucións de España, Francia, Portugal e Irlanda.

O CETMAR participa nun novo proxecto europeo para mitigar o impacto na industria e nos consumidores dos parásitos que afectan aos produtos da pesca

Por | Novedades | Ningún comentario

Mitigar o impacto de parasitos presentes en produtos da pesca europeos e de importación a través de novas solucións tecnolóxicas e ferramentas de xestión é o obxectivo xeral do proxecto PARASITE, unha iniciativa na que está a participar o Centro Tecnolóxico do Mar e que está financiada polo Sétimo Programa Marco de I+D da Unión Europea.

Durante os vindeiros tres anos, as áreas de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía e de Tecnoloxía dos Produtos Pesqueiros da Fundación CETMAR traballarán neste proxecto liderado polo Doutor Santiago Pascual, do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, e formando parte dun consorcio multidisciplinar integrado por outras once institucións de investigación europeas e tres asiáticas, así como por seis PEMEs europeas.

Os principais resultados de PARASITE materializaranse en avances cara a mellora da seguridade alimentaria, cos conseguintes beneficios para a saúde pública e a confianza do consumidor; no fortalecemento da competitividade dos produtos europeos da pesca “dende o barco ao prato” e na potencial repercusión que isto terá na mellora das políticas europeas de seguridade alimentaria.

A reunión inicial do proxecto tivo lugar os días 7 e 8 de febreiro na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo, onde se deron cita representantes das institucións que forman parte do consorcio PARASITE.

Xunto á Fundación CETMAR e ao CSIC son socios deste proxecto Comercial Hospitalaria Grupo 3, S.L.; Cooperativa de Armadores de Pesca del Puerto de Vigo; Larpro Engineering, S.L.; Agence Nationale de Securite Sanitaire; Central Luzon State University; Havstovan – Faroe Marine Research Institute; Hermes, S.A.; Institut za Oceanografiju i Ribarstvo (INSTITUTE of Oceanography and Fisheries); Institute for Biotechnology and Environment, Nha Trang University, Vietnam; Istituto Superiore di Sanita; Max Rubner-Institut; National Institute of Nutrition and Seafood Research; Nederlof’s Vishandel B.V.; Servicio Madrileño de Salud; Technet, S.A.; Universita di Tuscia-Viterbo; University of Aberdeen; University of Copenhagen e Zhejiang Ocean University of China.