O Centro Tecnolóxico do Mar propiciou un novo encontro entre investigadores, sector marítimo-pesqueiro e administración nunha nova xornada do Foro que sobre Seguridade Alimentaria en Produtos da Pesca estase a celebrar en Vigo dende o martes, organizado pola Fundación CETMAR e o Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC.
Na apertura deste evento, dedicado ás “Tecnoloxías para garantir a Bioseguridade dos produtos da pesca”, a directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, asegurou que iniciativas deste tipo permiten á Fundación cumprir cos obxectivos para os que foi creada. “A interrelación entre centros de investigación e as empresas privadas axuda a difundir e divulgar os resultados destes organismos e a colaborar co sector privado”, unha colaboración que, engadiu, tamén é “enriquecedora” para a Administración, o que redunda, apuntou, “nunha xestión mais proveitosa” para todos.
A técnica da área de Tecnoloxía dos Produtos Pesqueiros e responsable do Foro por parte do CETMAR, Elvira Abollo, foi a encargada de abrir os relatorios recordando que a organización deste evento foi posible gracias á colaboración de outras entidades públicas e privadas, como é o caso do Porto de Vigo, en cuxa sede péchase o Foro mañá pola tarde.
Respecto as dúas mesas de traballo celebradas o martes e o mércores, unha con asistencia de representantes do sector e dos centros de investigación, e outra de investigadores que traballan sobre os problemas derivados das parasitoses nos produtos da pesca, Elvira Abollo asegurou que resultaron “moi proveitosas” para tódalas partes.
O Foro finaliza mañá cunha nova xornada, esta vez pola tarde, no edificio de sesións do peirao de trasatlánticos do Porto de Vigo. “Novos retos en seguridade alimentaria dos produtos da pesca” é o título deste “Infoday”, que ten previsto o seu inicio a partires das catro.