Monthly Archives

octubre 2012

Alumnos de A Aixola recuperan a cuberta do buque “Caneliña” antes da súa utilización con fins didácticos polo Museo Massó de Bueu

Por | Novedades | Ningún comentario

Alumnos do Centro de Formación A Aixola de Marín, que xestiona o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR,  están a traballar na restauración da cuberta do motopesqueiro “Caneliña”, un buque tradicional que unha vez recuperado pasará a formar parte do patrimonio do Museo Massó en Bueu, que o empregará con fins didácticos.

O barco chegou ás instalacións da escola no Porto de Marín fai unha semana e dende entón está en mans do alumnado do curso de “Elaboración e colocación de cubertas en madeira”, cumprindo así o encargo da Consellería do Medio Rural e do Mar cara a colaborar co museo buenense.

Construido no ano 1977 nunha carpintería de ribeira, o “Caneliña” pertence aos buques de popa redonda, os primeiros barcos a motor empregados polos habitantes da Illa de Ons e que sustituiron ás dornas.

Novos cursos

Por outra banda, a Consellería de Traballo e Benestar concedeu ao Centro Tecnolóxico do Mar – FundaciónCETMARa posta en marcha no Centro de Formación A Aixola de Marín de dúas accións formativas enmarcadas nos Cursos de Formación Profesional para o Emprego.

Ambos cursos correspóndense con sendos Certificados de Profesionalidade das Familias Marítimo Pesqueira e Transporte e Mantemento de Vehículos. O primeiro é un curso de confección e mantemento de artes e aparellos  de 348 horas de duración. O segundo é un curso de operacións de mantemento de elementos estructurais e de recubrimento de superfícies de embarcacións deportivas e de recreo, e ten unha duración de 298 horas.

O Cetmar anima ao sector extractivo a apostar pola explotación das macroalgas como fonte de riqueza para Galicia

Por | Novedades | Ningún comentario

A directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar, Paloma Rueda Crespo, animou onte ao sector extractivo a apostar pola explotación das macroalgas que son, dixo, “unha fonte de riqueza para Galicia”. Na apertura do foro que se celebrou na sede da Fundación en Vigo, recordou que o Cetmar ven traballando nos últimos anos na difusión das bondades das algas a través de diferentes seminarios e proxectos, polo que ofreceu a colaboración do Centro, de cara a orientar e guiar a aquelas empresas interesadas na explotación deste recurso.
Ao longo da mañá, diferentes expertos en macroalgas e na súa biodiversidade, extracción, explotación e comercialización abordaron a situación actual do recurso e as súas posibilidades de explotación. Segundo explicou a coordinadora da área de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía do Cetmar e responsable da organización do foro, Rosa Fernández, o obxectivo deste evento é que os diferentes axentes que están a intervir no aproveitamento deste recurso poñan enriba da mesa todas aquelas cuestións que poidan contribuír a mellorar a situación e a fortalecer a actividade relacionada coa explotación das macroalgas.
Nunha das intervencións da mañá, o técnico da Consellería do medio Rural e do Mar, Manuel Tasende, explicou que a explotación deste recurso está regulada na Lei de Pesca de Galicia e en sucesivos decretos nos que se especifican os utensilios ou aparellos que se poden empregar na súa extracción ou como se elaboran os plans de xestión, entre outros aspectos.
O Foro dos Recursos Algais de Galicia reuniu na sala de conferencias do Cetmar a arredor de 50 asistentes procedentes de centros de investigación, universidades, da administración e de diferentes empresas, así como do propio sector. Os relatorios dos diferentes expertos, tamén representantes de tódolos ámbitos, prolongáronse durante todo o día.

O CETMAR e os seus socios no proxecto FAROS presentan novas ferramentas cara a redución e valorización dos descartes da pesca

Por | Novedades | Ningún comentario

Un sistema de visión artificial que axuda a optimizar a actividade pesqueira e a facela mais rendible e un xeoportal que propicia a xestión dos descartes poñendo en contacto á flota que os xera coas empresas que os valorizan son as dúas ferramentas que cara á redución e valorización dos descartes foron presentadas hoxe na xornada que sobre o proxecto FAROS organizou o Centro Tecnolóxico do Mar, e que tivo lugar no stand da Xunta de Galicia na feira Conxemar en Vigo.

O acto, que foi inaugurado pola directora-xerente da FundaciónCETMAR,Paloma Rueda Crespo, serviu para ofrecer un avance dos resultados desta iniciativa europea na que a institución galega participa xunto á Autoridade Portuaria de Vigo, o Instituto Español de Oceanografía, o Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC, o Instituto de Investigaçao das Pescas e do Mar-IPIMAR de Portugal e Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

Acompañada polo presidente do Porto de Vigo, Ignacio López-Chaves, Paloma Rueda Cresporesaltou a importancia cada vez máis perentoria de tomar medidas que permitan evitar os descartes e, no caso en que se xeren, valorizalos para propiciar o uso destas capturas incidentais ata agora refugadas. Recordou ademais que o CETMARten nesta materia unha das principais liñas de traballo e adiantou que os resultados definitivos de FAROS (www.farosproject.eu) daranse a coñecer a comezos do ano 2013.

Financiado pola Unión Europea a través do programa LIFE, este proxecto ten como obxectivo xeral o desenvolvemento e posta en marcha dunha rede integral cara á xestión dos descartes da pesca baseada nun sistema global de información tanto na flota como en terra e que implique a todo o sector pesqueiro. Os seus socios, que contan ademais coa colaboración das empresas Marexi e ASM, levan traballando conxuntamente dende 2010.

O CETMAR presenta os resultados do proxecto FAROS sobre xestión de descartes da pesca no stand da Xunta en Conxemar

Por | Novedades | Ningún comentario

O Centro Tecnolóxico do Mar presentará os resultados do proxecto europeo FAROS sobre xestión de descartes da pesca na feira Conxemar. Será o vindeiro xoves 4 de outubro as 10.30 horas no stand que a Xunta de Galicia habilitará no Instituto Feiral de Vigo coincidindo coa celebración deste evento.

Financiado pola Unión Europea a través do Programa Life, o proxecto FAROS estase a desenvolver dende xaneiro de 2010 co obxectivo de procurar un aproveitamento dos descartes mais sostible e eficiente coa implicación de todos os actores do sector pesqueiro. Ademais da FundaciónCETMAR, que ten nesta temática unha das súas principais liñas de traballo, participan nesta iniciativa o Instituto Español de Oceanografía, o Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC, o Instituto de Investigaçao das Pescas e do Mar-IPIMAR de Portugal e Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

Durante a xornada que se celebrará en Conxemar adicada a FAROS darase conta do sistema BEOS de alta tecnoloxía en visión artificial aplicada a buques de pesca desenvolvida ao amparo do proxecto co fin de mellorar a xestión e identificación dos stocks, así como do xeoportal de xestión de descartes posto en marcha igualmente dentro desta iniciativa.

A asistencia a este acto é gratuíta e os interesados en participar poderán inscribirse a través da páxina web do CETMAR www.cetmar.org/seminarios/FAROS_Conxemar2012.